'Nós Diario' reconstrúe os feitos co tenente coronel Brian Owens

'Vila de Pitanxo', cronoloxía dun naufraxio

O operativo de busca dos mariñeiros desaparecidos estivo composto por tres avións, tres helicópteros e sete buques (Foto: JRCC Halifax).
Cando o Goberno do Canadá anunciou a suspensión definitiva do operativo de busca "xa non había opcións" de atopar ningún mariñeiro, con vida ou falecido. Esa é a conclusión que tira o portavoz do JRCC de Halifax, Brian Owens, en conversa con 'Nós Diario'. O do 'Vila de Pitanxo', afirma, é "o maior" rescate que tivo que coordinar en toda a súa traxectoria.

Todo aconteceu demasiado rápido. Cumpridas as 5 horas da madrugada [hora da Galiza], o pesqueiro 'Vila de Pitanxo' tiña as redes de arrastre despregadas, pois a tripulación, a pesar das condicións meteorolóxicas adversas, habituais nesta zona do Gran Banco de Terranova, estaba recollendo peixe.

Durante a manobra de viraxe do aparello rexistrouse unha parada do motor principal que deixou o barco a expensas do vento e as fortes ondadas, de até dez metros de altura. As batidas do mar, segundo vén de confirmar a armadora [Grupo Nores], escoraron e afundiron a embarcación en escasos minutos por mor da entrada de auga nos compartimentos, sen dar opción ningunha aos 24 mariñeiros de evitar o naufraxio.

Contra as 5.24 horas —00.24 hora do Canadá— o Centro de Coordinación de Rescate (JRCC, en inglés) de Halifax recibiu un sinal de radiobaliza do buque, que se atopaba a unhas 250 millas náuticas ao leste de Saint John de Terranova. Nese momento perdeuse a comunicación co barco sinistrado e activouse o operativo de emerxencia.

"A primeira embarcación que chegou ao lugar, o 'Praia Menduíña Dous', localizou a balsa salvavidas e rescatou os tres sobreviventes. Foron rescatados entre as 5:30 e as 8 horas —hora local—", apunta, en conversa con Nós Diario, o tenente coronel do Exército canadense e portavoz do JRCC de Halifax, Brian Owens. Este militar, cunha dilatada traxectoria nos servizos de salvamento —os tres últimos anos como responsábel do JRCC de Halifax—, afirma que "esta é a maior SAR [alerta de rescate]" que viviu nesta zona do Atlántico.

No momento do rescate, sinala, "os refachos de vento sopraban desde o Oeste a 25 nós [46,3 quilómetros por hora], as ondas do mar eran de catro metros e a temperatura da auga non superaba os 3ºC". Aliás, fai fincapé na reducida visibilidade, de entre 3 e 4 nanómetros (nm) e de 1/4 entre a néboa, uns valores moi baixos.

"Non había apenas opcións de supervivencia"

Após 36 horas de intensa busca, as autoridades canadenses ordenaron suspender o operativo, ao entender que xa nada se podía facer por salvar a vida dos mariñeiros desaparecidos; nin tan sequera era posíbel atopar os cadáveres, segundo informaron as fontes oficiais.

Naquel momento acháranse tres das catro balsas salvavidas do pesqueiro —dúas delas baleiras—, coa incerteza pairando sobre o cuarto bote en cuestión. Preguntado polas posibilidades de atopar parte da tripulación con vida naquelas primeiras horas, Owens explica: "É imposíbel dar unha cifra concreta, xa que hai varios factores que interveñen na súa determinación, como o estado do mar, a temperatura, a fatiga, a composición corporal, o estado físico, o que levaba esa persoa, etc. Porén, a nosa busca superou todos os cálculos de supervivencia antes de que se determinase pór fin á busca".

As condicións adversas nas que estaban traballando os mariñeiros no momento do naufraxio son, con todo, o pan de cada día neste punto das augas de Terranova. "Como en calquera zona do Atlántico Norte, as condicións meteorolóxicas varían entre 1-2 metros e máis de 14 metros. Nos meses de inverno é habitual que se dean estas condicións, calquera mariñeiro profesional pode dar fe diso. Eu mesmo estiven no mar nestas condicións ao longo da miña carreira", salienta Owens, quen, por outra parte, desbota "facer especulacións" sobre se retomar a busca permitirá atopar os corpos.

Un "extenso" operativo de rescate formado por medios aéreos e marítimos

O operativo de busca estivo conformado por tres avións, tres helicópteros, dous barcos de bandeira galega —alén do citado anteriormente, o 'Río Caxil'—, tres portugueses —'Novo Virgem da Barca', 'Franca Morte' e 'Lutador'— e dous canadenses—o cargueiro 'Nexus' e máis o buque gardacostas 'Cygnus'—. Owens salienta a "extensa" despregadura de medios nunha operación de rescate que finalmente foi suspendida para non pór en risco ás persoas que participaban da mesma.