Aniversario do naufraxio

"Tiña aceptado que ía morrer": Samuel Kwesi agradece a axuda no rescate do 'Vila de Pitanxo'

Homenaxe ás vítimas do 'Vila de Pitanxo' en Marín (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
O 'Praia Menduiña 2' foi o barco que acudiu ao rescate após o naufraxio do pesqueiro galego en febreiro de 2022.

Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes do naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, agradeceu a axuda e a valentía dos pescadores do Praia Menduiña, o buque que o rescatou: "Xa aceptara que ía morrer".

Así o sinalou Kwesi nunha emotiva homenaxe levada a cabo no Concello de Marín para recoñecer o labor dos mariñeiros que rescataron aos tres sobreviventes do Pitanxo e a varios dos cadáveres que foron atopados pola zona.

Na súa intervención, na que as bágoas afloraron ao comezo do seu discurso, Kwesi tratou de explicar a difícil situación que viviu na madrugada do 15 de febreiro de 2022, hai un ano, cando o barco afundiu, quedando el xunto con outros compañeiros nunha balsa salvavidas á espera de ser rescatado.

O ghanés relatou que, a pesar de que desde a súa posición viron dúas horas antes de ser rescatados a un barco portugués, a súa tripulación non logrou avistalos. Durante ese período faleceu un compañeiro do Pitanxo que tamén estaba na balsa, polo que el pensou que sería o seguinte en morrer, xa que non levaba traxe de supervivencia.

"Cando morreu William eu aceptei que ía ser o seguinte, porque non levaba traxe", indicou entre prantos, agradecendo que poucos minutos despois escoitaron unha bucina dun buque que asomou por detrás sen que na balsa o visen antes.

"Non tiña forza para subir", relatou, polo que tivo que ser axudado para ascender ao buque, onde foi tratado "moi ben" e "como un máis". "Nunca vou esquecer o esforzo que fixestes", sentenciou Kwesi, que emocionou á maioría dos presentes no acto.

Á homenaxe asistiron, entre outros, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a alcaldesa de Marín, María Pilar Ramallo; a portavoz das familias dos falecidos, María José de Pazo, e o capitán do Praia Menduiña 2, Ramón Porto, ademais doutros mariñeiros do buque e familiares dos falecidos.

Agradecemento aos heroes 

Neste sentido, Rueda tamén agradeceu aos "heroes" do Praia Menduiña 2 todo o traballo que realizaron para rescatar aos sobreviventes do Pitanxo, mostrando o seu "orgullo" pola "valentía" demostrada nun momento "tan duro".

O presidente autonómico lamentou a traxedia, esperando que "non volva ocorrer" algo así, poñendo o foco na importancia de baixar ao pecio para saber que sucedeu e que isto permita que non se repita nunca.

Rueda referiuse directamente a De Pazo e a Porto, quen traballaron todo un ano para que non se esqueza aos 21 falecidos. Ademais, mostrou o apoio da Xunta cara ás familias "pase o tempo que pase".

Na mesma liña, falou a alcaldesa de Marín e Rosa Quintana, quen se emocionou ao lembrar o suceso e agradeceron aos mariñeiros do Praia Menduiña 2 que deixasen o seu traballo para acudir ao rescate.

María José de Pazo, en nome das familias dos falecidos, tamén quixo dar as grazas aos mariñeiros, ao Concello de Marín e á Xunta. Ademais, acordouse da casa armadora do Praia Menduiña 2, Moradiña, que sempre os trataron con "exquisita empatía".

Ela puxo o foco en que non só se esforzaron en rescatar os vivos, senón os corpos que flotaban na auga. "Grazas a eles hoxe hai familias que poden ir ao cemiterio para pór flores aos seus seres queridos", reivindicou entre as bágoas dos asistentes.

"Sei que o pasastes mal e que as feridas son inesquecíbeis. Agradezo tamén a vosa honestidade e valentía para dicir a verdade do que vistes. Isto tamén é ético dicilo. Tivestes a valentía de colaborar coa Garda Civil e coa Audiencia Nacional e quérovolo agradecer. As familias estaremos agradecidas eternamente", sentenciou De Pazo.

Porto, que recibiu unha placa da man de Rueda, mostrou o seu apoio ás familias e agradeceu o respaldo da súa empresa á hora de colaborar no rescate. "Sempre levaremos a estes mariñeiros no recordo", engadiu, en referencia aos falecidos no Pitanxo.

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros das costas de Terranova (Canadá) o 15 de febreiro de 2022. Cando se fai un ano da traxedia, aínda a investigación continúa, ao apreciar a Audiencia Nacional indicios de 21 homicidios por imprudencia, sinalando ao capitán, Juan Padín (tamén sobrevivente como o seu sobriño Eduardo Rial), como investigado.