Aniversario do naufraxio

Marín recoñece o labor dos mariñeiros do 'Menduíña 2'

Na dereita, Samuel Kwesi, durante o acto de hoxe en Marín. (Foto: Europa Press)
Pontevedra homenaxeará os falecidos do 'Pitanxo'

O concello de Marín acolleu hoxe un acto de recoñecemento á tripulación da embarcación Praia de Menduíña 2 pola súa actuación no rescate do Vila de Pitanxo, que naufragou en febreiro de 2022 a 450 quilómetros de Terranova (Canadá) deixando 21 falecementos das 24 persoas que traballaban nel.

Dous días antes do aniversario do sinistro, as familias das persoas falecidas reuníronse coa tripulación do Praia Menduíña 2, o barco da empresa Moradiña, de Cangas, que chegou primeiro ao lugar do accidente e conseguiu rescatar os tres únicos superviventes da tripulación. Este acto deu comezo a unha semana chea de homenaxes polo naufraxio do Vila de Pitanxo.

Un dos superviventes, Samuel Kwesi, agradeceu a axuda e o valor dos pescadores do Praia Menduíña 2 polo rescate. "Xa aceptara que ía morrer", indicou na súa intervención no acto, na que narrou o sucedido na madrugada do 15 de febreiro do pasado ano cando afundiu o barco e el, xunto con outros compañeiros, esperou ser rescatado nunha balsa salvavidas. "Nunca esquecerei o esforzo que fixestes", sentenciou Kwesi.

Ao acto en Marín asistiron, entre outros, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a alcaldesa de Marín, María Pilar Ramallo; a portavoz das familias dos falecidos, María José de Pazo, e o capitán do Praia Menduíña 2, Ramón Porto.

Homenaxe en Pontevedra

Ademais, o Concello de Pontevedra levará a cabo este sábado unha homenaxe aos mariñeiros do Vila de Pitanxo. "Queremos amosarlles o noso agradecemento ás familias destes mariñeiros", indicou a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías. Aliás lembrou que a homenaxe virá acompañada da instalación dunha placa na que se nomean todas as persoas que perderon a vida nesta traxedia.

A Ciaim emitirá un informe provisional

A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) informou hoxe ás familias dos falecidos no Pitanxo de que nos próximos días emitirá un informe provisional da investigación da traxedia. O documento recollerá datos obxectivos do ocorrido, pero non incluirá as hipóteses e as análises do suceso nin as conclusións sobre as causas do accidente, "que só se emitirán cando remate a investigación".