Ana Baneira aterra na Galiza após catro meses nunha prisión iraní

Ana Baneira, no centro, xunto á súa familia após chegar á Galiza (Foto: Familia de Ana Baneira).
Baneira, de 24 anos, aterrou esta segunda feira ao mediodía no aeroporto de Santiago de Compostela nun voo procedente de Xenebra e saíu pola pista sen ser vista, tal e como explicou a familia, que tamén difundiu unha fotografía.

A galega Ana Baneira, encarcerada no Irán desde principios de novembro tras ser detida no marco das protestas contra o réxime por mor da morte baixo custodia de Masha Amini, xa chegou á Galiza.

Segundo apuntou a portavoz da familia nun comunicado aos medios, a muller, liberada este sábado, "xa está coa súa familia" e "vén ben, aínda que moi cansa".

Baneira, de 24 anos, aterrou esta segunda feira ao mediodía no aeroporto de Santiago de Compostela nun voo procedente de Xenebra e saíu pola pista sen ser vista, tal e como explicou a familia, que tamén difundiu unha fotografía.

Os familiares pediran "espazo e intimidade" na súa volta ao país, algo que reiteraron esta segunda feira nun novo comunicado divulgado a través da Delegación do Goberno español na Galiza.

Deste modo, a portavoz trasladou o agradecemento tanto de Baneira como da súa familia e sinalou que "agora vai descansar".

Así, apuntou que esta terza feira reuniranse para "tentar responder a todos os medios de comunicación".

"Vén moi cansa despois de todos estes meses e da viaxe e agora vai descansar un pouco", recolle a portavoz, Llerena Perozo, nun vídeo difundido aos medios de comunicación no que volve trasladar o agradecemento polo apoio recibido e polo "aluvión de interese" cara a Ana Baneira.

"Discreción"

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, celebrou a liberación de Baneira e pediu "discreción" para que todo este proceso teña un "final feliz completo".

"Ela falará o que estime conveniente e esa discreción que foi unha parte moi importante para conseguir esa liberación ten que seguir para que todo isto teña un final feliz completo", acrecentou o titular do Executivo galego.

Nunha liña similar pronunciouse o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, quen tamén celebrou a libración de Baleira e manifestou que "a familia pide espazo á privacidade" e apelou a respectar este desexo.

O portavoz do PSdeG no Parlamento da Galiza, Luís Álvarez, destacou o labor do Goberno para a liberación de Ana Baneira, como fixo tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

"Unímonos á alegría da súa familia e amigos e creo que esta liberación é un éxito e evidencia un traballo serio e discreto do Goberno", expuxo Álvarez.

"É unha gran noticia que podamos coñecer a súa liberación, creo que hai un traballo que hai que recoñecerlle ao Ministerio e mostrar a alegría do BNG pola súa liberación", dixo, á súa vez, Pontón.

Respecto diso, indicou que sabían que había un traballo "feito entre bambalinas". "Contentos de que volva estar na súa casa e é unha pena que estes feitos se prouzan, pero alegrámonos moito de que volva estar aquí", engadiu.