Amnistía Internacional pide investigar o posíbel "uso excesivo" de forza pola policía na folga do metal de Vigo

Varios centenares de traballadores do metal volveron tomar as rúas de Vigo esta quinta feira. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Tal como lamentou a ONG, as imaxes difundidas do conflito mostran "disparos indiscriminados" contra unha concentración de persoas, algo prohibido polas normas internacionais sobre o uso da forza.

Amnistía Internacional pediu ao Ministerio de Interior e ao Defensor do Pobo que investiguen o posíbel "uso excesivo" da forza na actuación policial durante os diferentes días de folga do sector do metal en Vigo.

Tal como lamentou a ONG, as imaxes difundidas do conflito mostran "disparos indiscriminados" contra unha concentración de persoas, algo prohibido polas normas internacionais sobre o uso da forza.

"Ante as cargas policiais rexistradas estes días contra traballadores en folga do sector do metal en Vigo mostramos a nosa preocupación polas posíbeis vulneracións de dereitos humanos cometidas pola Policía Nacional", declarou a coordinadora da campaña Dereito á Protesta de Amnistía Internacional Vigo, Monstserrat Jáudenes.

Por iso, instou á Subdelegada do Goberno en Pontevedra e ao Delegado do Goberno español na Galiza a que investiguen as actuacións levadas a cabo para esclarecer posíbeis casos de "uso excesivo" da forza.

Pelotas de goma

Ademais, a organización solicitou aos diferentes candidatos políticos da circunscrición de Pontevedra un compromiso "real e efectivo" para prohibir o uso de pelotas de goma na próxima lexislatura, por ser "intrinsecamente imprecisas" e pola elevada probabilidade de causar lesións graves.

"A traxectoria das pelotas de goma é imprecisa e indiscriminada, non se pode rastrexar e teñen un risco alto de causar lesións graves", engadiu a portavoz de Amnistía Internacional.