Alivio ante a chegada da renda mínima vital con dúbidas sobre o seu alcance

Desde 2013 na Galiza colectivos cidadáns demandan a aprobación dunha Renda Básica Universal (Imase: Colectivos cidadáns pola RBU)
En 2018, 128.000 galegas e galegos atopábanse en situación de pobreza severa e a COVID-19 disparou as axudas de emerxencia. A axuda estatal sería compatíbel coa Renda de Inserción Social da Galiza, a RISGA, se a Xunta da Galiza muda a normativa.

As primeiras pegadas do impacto social e económico da COVID-19 teñen nome e apelidos. Na Galiza, a comezos de maio, arredor de 236.000 persoas estaban afectadas por un Expediente Temporal de Regulación de Emprego. Abril fechou con 191.62 galegas en paro.

En 2018, 18,95% da poboación estaba en risco de pobreza e exclusión social e 4,8%, 128.000 persoas, vivía en situación de probreza severa. Mentres bancos de alimentos ou servizos sociais alertan do aumento de peticións de alimentos e outras axudas, entidades e colectivos puxeron en marcha unha campaña a prol do ingreso mínimo vital aprobada onte polo Consello de Ministros.

"Se o ingreso mínimo vital non se coordina e implica outro proceso administrativo imos ter un problema serio", expoñía Xosé Cuns, da rama galega da Rede europea de loita contra a pobreza (EAPN), a este medio antes da aprobación da axuda. Nun comunicado, a presidenta da entidade, Eloina Ingerto, celebrou a aprobación: "Beneficia toda a poboación, pero aínda queda moito por facer".  

A EAPN demandou que a contía destinada á Renda de inclusión social da Galiza (Risga) e ás restantes prestacións non se deriven a outros orzamentos. En troques, a ONG Igaxes alertou de que as menores tuteladas que cumpran 18 anos fican excluídas dela até os 23.

En 2018 solicitaron a RISGA 5.808 persoas, recibindo un importe medio de 439,16 euros. Esa prestación, considerada insuficiente, sería compatíbel coa estatal de modificarse a normativa actual. Unha decisión que fica en mans da Xunta. O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, reclamou que sexaa a Administración galega a que xestione a prestación estatal, tal e como farán Navarra e o País Vasco.

Unha renda por dereito

"As actuais axudas son estigmatizantes e requiren un exceso de trámites", apunta Eva López educadora social e traballadora dos servizos sociais, engadindo que moitas fracasan á hora de chegar á poboación que as precisa. Polas súas características, a renda vital mínima é un ingreso condicionado, quen a percibe debe cumprir uns requisitos. A diferenza doutras, como a de desemprego, non é incompatíbel cun emprego asalariado.

Na renda mínima vital, os requirimentos varían segundo o tipo de fogar que pide a axuda. Na Galiza, en 2018, 22% dos fogares eran unipersoais e 3,98% tiñan cinco integrantes. De demandala, os primeiros poderían percibir arredor de 462 euros e os segundos de case 1.015 euros. No caso dos fogares monoparentais, 9,94% dos galegos, a prestación oscilaría entre 700 e 977 euros segundo o número de crianzas. Unhas cantidades sempre dependentes dos recursos económicos e patrimoniais da demandante.

O feito de ligala a un fogar, di Eva López, diferencia esta prestación doutras propostas como a Renda básica universal (RBU), que promoven os colectivos cidadáns dos que forma parte. "A RBU concíbese como un ingreso universal que perciben as persoas polo feito de selo, individual, incondicional e suficiente", explica.

O economista Daniel Raventós valorou favorabelmente nunha entrevista con Nós Diario as medidas do Goberno estatal durante a emerxencia sanitaria. Con todo, apuntaba a que están "a anos luz do que en realidade se tería que facer".

Raventós analizou a necesidade dunha reforma fiscal que a permita esta ou outras axudas. A renda mínima vital financiarase cuns 3.000 millóns de euros segundo o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migración José Luis Escrivá. E o Goberno estatal tamén traballa nunha modificación tributaria, mais esta podería non abondar para sufragar un aumento das peticións no contexto actual. 

Vixiar a evasión fiscal

"A distribución tributaria actual é unha tolemia: unha froitaría debe tributar a 20%, pero unha compañía do IBEX 35 pode facelo a 12% grazas á súa capacidade para obter deducións", critica o doutor en Economía e docente Adrián Dios. Para Dios, a reforma precisaría dun maior control da evasión fiscal.

"Calcúlase que a evasión no Estado foi de 75 mil millóns de euros, máis de sete veces o orzamento anual da Xunta", di, cuestionando á vez a normativa que permite compañías tributar en Estados, mais tamén en comunidades autónomas como a de Madrid, cunha lexislación que lles é favorábel e non onde producen. "Co  que implica a nivel de fondos para as prestacións", conclúe.