O ingreso mínimo vital chegará a 2,3 millóns de persoas, un 30% delas menores

Pablo Iglesias, María Jesús Montero e José Luis Escrivá (Moncloa).
A prestación aprobada polo Goberno español pretende chegar a 850.000 fogares, un 16% deles monoparentais (que nun 90% están encabezados por unha muller).

O Goberno español aprobou esta sexta feira, nun Consello de Ministras Extraordinario, o ingreso mínimo vital que pretende reducir nun 80% a pobreza extrema no Estado. Esta prestación chegará a 850.000 fogares (un 16% deles monoparentais) e oscilará entre os 460 e os 1.000 euros, dependendo da composición do fogar.

A Xunta da Galiza xa solicitou ao Goberno estatal que lle transifira a xestión do ingreso mínimo vitial, como xa van facer en Euskadi e Navarra, e como reclamaron tamén desde Catalunya e Valencia. 

O ingreso mínimo vital poderase solicitar a partir do 15 de xuño, aínda que, para as solicitudes presentadas nos tres primeiros meses, concederase con efectos retroactivos ao día 1. Ademais, durante o primeiro mes de vixencia da prestación, actuarase de oficio para que se abone a uns 100.000 fogares que cumpren os requisitos, sen que sexa necesario que a soliciten. 

A prestación pretende chegar a 850.000 fogares, un 16% deles monoparentais (nun 90% encabezados por unha muller), nos que viven 2,3 millóns de persoas, un 30% delas menores, tal e como explicaron hoxe os ministros responsábeis da medida, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, e o vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias.

Escrivá salientou que con este ingreso mínimo vital prevén reducir nun 80% a pobreza extrema, unha situación que actualmente afecta a 600.000 fogares e 1,6 millóns de persoas. Ademais, precisou que esta redución podería chegar "ao 90% nos fogares monoparentais e outro tipo de fogares con fillos".

"É un ingreso que vai ter un impacto extraordinario de redución da pobreza daqueles que teñen as rendas máis baixas, pero non é unha prestación ao uso máis, incorpora toda unha serie de elementos con outras  Adminsitaciones públicas para introducir ese elemento dinámico de inclusión, ese será o éxito final da prestación", engadiu Escrivá.

Parte de 14 tipoloxías de fogares (en función do número de membros e de se son monoparentais) e estabelece un nivel de renda garantizábel diferente para cada tipo de fogar. O nivel mínimo, que corresponde aos fogares unipersoais, é de 5.538 euros ao ano, o equivalente a unha pensión non contributiva. A partir desta contía estabelécese un coeficiente adicional por cada membro do fogar e un beneficio para os fogares monoparentais.

Renda media garantida de 10.070 euros anuais

Esta prestación está deseñada de forma que completa as rendas preexistentes (entre outras, as salariais), até o limiar garantido para cada tipo de fogar. Se non se conta con rendas, aseguraríase a totalidade do limiar garantido; pero se se dispón delas, cubriríase a diferenza entre o limiar garantido e a renda xa existente.

Desta maneira, a renda media garantida é de 10.070 euros ao ano por fogar, mentres que o importe da prestación será duns 4.400 euros anuais. O Goberno estima que custará 3.000 millóns de euros ao ano.

En cada fogar haberá un titular que solicitará a prestación. Se o fogar está formado por unha soa persoa, a titular deberá ter entre 23 e 65 anos e levar polo menos tres anos constituído como fogar. Se o fogar ten dous ou máis membros, de maneira xeral a idade da titular estará entre 23 e 65 anos salvo nos casos en que se conte con menores a cargo. Estes fogares deberán levar constituídos polo menos un ano.

Para todos os tipos de fogar requirirase polo menos un ano ininterrompido de residencia legal e efectiva en España, excepto nas situacións de violencia de xénero, trata de seres humanos e explotación sexual.

Para que lle sexa recoñecida a prestación, o fogar debe ter uns ingresos totais inferiores á renda garantida para o seu tipo de unidade de convivencia. Ademais, para certificar que o ingreso mínimo vital chegue aos fogares máis vulnerábeis, esixirase un patrimonio (descontando a vivenda habitual) inferior a tres veces a renda garantida anual para un fogar unipersoal, cunha escala de incrementos por número de membros no fogar.

Solicitude e incentivos á contratación

A solicitude poderáse presentar a través da sede electrónica da Seguridade Social ou enviando a documentación por correo ordinario. Máis adiante permitirase o acceso a través dos concellos, unha vez se asinen os convenios previstos, e dos Centros de Atención e Información da Seguridade Social cando retomen a atención ao público.

Para facilitar información porán en marcha un teléfono 900 e un simulador na páxina web da Seguridade Social, onde tamén se poderán consultar dúbidas a través do asistente virtual.

Ademais, as beneficiarias contarán con incentivos á contratación e crearáse un 'selo social' para as empresas que lles ofrezan formación e emprego. "Aquelas empresas que axuden a estes colectivos e lles permitan unha maior integración no mercado de traballo ou lles fagan descontos en compras, se cumpren determinadas condicións, van ter un selo social cun recoñecemento ao labor que están a facer", indicou José Luis Escrivá.

Pobreza pola COVID-19

Para o recoñecemento da prestación teranse en conta os ingresos do ano inmediatamente anterior, aínda que para atender as situacións de vulnerabilidade xeradas pola pandemia da COVID-19, tamén se poderá recoñecer para solicitudes cursadas durante 2020 tendo en cuenta a situación de ingresos deste ano.

"Se un fogar dáse conta de que está a ter unha caída de ingresos moi intensa, pode facer unha declaración responsábel, preséntanos os seus ingresos do ano 2020 e se esa caída supera o 50% da renda que tivo en 2019 e se ten un patrimonio particularmente pequeno, recibirá o ingreso mínimo vital", precisou o ministro de Inclusión.