Sindicatos alertan de posíbeis "coaccións" no voto a distancia

Anxo Álvarez, CIG Correos (CIG)
Os sindicatos piden a Correos que traslade unhas "instrucións moi claras" a todo o persoal para enfrontar o proceso electoral que culmina o 12 de xullo.

Correos mantivo esta terza feira unha xuntanza cos sindicatos para valorar o acordo da Xunta Electoral Central que lle indica á empresa que poderá recoller os votos no domicilio das electoras e electores.

Anxo Álvarez, delegado da CIG en Correos, conta a Nós Diario que a empresa non se compromete a contar co persoal "preciso" para enfrontar o proceso electoral que culmina o 12 de xullo e que na reunión desta mañá escoitou as propostas dos sindicatos sen resolver a maioría das dúbidas que xenera o sistema que van aplicar.

Álvarez salienta que todas as forzas sindicais solicitaron que Correos achegue unhas "instrucións moi claras" para todas as traballadoras e traballadores sobre como terán que "proceder" cando teñan que recoller un "voto a distancia".

Neste sentido, alerta de que é preciso "evitar coaccións" de representantes de partidos políticos no momento no que unha persoa vaia decidir o seu voto desde o seu domicilio. "Imos defender o principio de veracidade das traballadoras de Correos", asevera este representante sindical a Nós Diario.

Así, a CIG defendeu no encontro coa dirección de Correos que se cubran todas as vacantes por vacacións ou baixas laborais que hai a día de hoxe na empresa e que se contrate a máis xente para ter o persoal "preciso", pois considera que "o aumento do voto por correo neste momento é impredecíbel".

Pola experiencia que temos, penso que é moi difícil que os votos non cheguen ás urnas. O problema vai vir antes, no proceso até que os votos se consideran emitidos e están no poder de Correos

"Moitas prazas de Correos non están cubertas a 2 de xuño e ese traballo está a ser asumido polo resto dos equipos, coa sobrecarga correspondente", evidencia.

Desta maneira, Anxo Álvarez explica que o "colapso" do que alertaron os sindicatos desde que se convocaron as eleccións galegas pode chegar xa no proceso de solicitude do voto e na entrega da documentación electoral.

"Pola experiencia que temos, penso que é moi difícil que os votos non cheguen ás urnas. O problema vai vir antes, no proceso até que os votos se consideran emitidos e están no poder de Correos. O día das eleccións temos rutas excepcionais para repartir votos por toda Galiza", detalla.

Voto a distancia

Correos trasladou na reunión de hoxe que a semana que vén habilitará na súa páxina web o servizo para solicitar o voto a distancia, tal e como ditaminou a Xunta Electoral Central a pasada quinta feira.

Os sindicatos, que pediron que se garantan os recursos materiais de protección contra o coronavirus para a plantilla, estiman que unha traballadora precisa entre 20 e 30 minutos para atender a cada electora que opte por este novo sistema para votar desde a casa.

Ademais, a empresa aceptou unha demanda da CIG para que o persoal de Correos non teña a obriga de acceder en ningún caso aos domicilios, hospitais ou residencias de maiores para recoller un voto.

Voto persoal

Por outra banda, Anxo Álvarez lembra que "o voto en Correos non é persoal" porque co protocolo xa vixente para o voto por correo só se especifica que hai que identificar á persoa no momento da "solicitude do voto" e da "entrega da documentación electoral", mais no momento de entregar o voto "pode facelo calquera" na oficina ou entregándollo a un carteiro ou carteira.

O delegado da CIG mostra a súa preocupación diante dun proceso electoral no que o "incremento" deste sistema de votación pode ser "máximo" ao estar "alentado institucionalmente desde a propia Xunta da Galiza".

"O que poñemos en dúbida é o sistema, non o labor do persoal de Correos", destaca.