domingo 12.07.2020

Correos aínda non habilitou o voto a distancia para as eleccións

A empresa reúnese esta terza feira cos sindicatos para valorar o acordo da Xunta Electoral Central que deixa no seu persoal a responsabilidade de identificar ás electoras e electores que decidan votar desde os seus domicilios nos comicios do 12 de xullo.
Papeletas electorais (arquivo).
Papeletas electorais (arquivo).

Correos aínda non activou na súa páxina web a opción para pedir o voto a distancia, tal e como autorizou a Xunta Electoral Central a semana pasada.

"Resulta admisíbel que os electores poidan realizar dita petición de forma telemática na web de Correos, mediante firma electrónica", recolle o ditame da organismo que regula os procesos electorais no Estado.

Por primeira vez nunhas eleccións na Galiza vaise poder exercer o dereito a votar sen saír da casa. Porén, o sistema a aplicar aínda está a ser avaliado por Correos, que mañá se reúne cos sindicatos para "valorar" o acordo da Xunta Electoral Central que interpela á empresa directamente.

Nunha interpretación excepcional da lexislación, este organismo traslada que "o persoal de Correos deberá comprobar a identidade do devandito elector mediante a exhibición polo mesmo do D.N.I. ou de calquera outro documento oficial acreditativo da súa identidade, debendo anotar o número do devandito documento, dando fe desa recepción persoal, sen que en consecuencia sexa imprescindíbel que o elector firme persoalmente a entrega".

Polo tanto, queda nese acto de "fe" do persoal de Correos a identificación da persoa á hora de votar. Pois a Xunta Electoral contempla que no mesmo momento no que a traballadora ou traballador de Correos leva os documentos electorais ao domicilio dunha persoa que os solicitou previamente, a electora ou elector poden entregar xa o seu voto.

"No que se refire á entrega da documentación electoral, non hai inconveniente en que, ao amparo do artigo 73.3 da  LOREG, o persoal de Correos, ao facer a entrega da documentación electoral persoalmente ao elector, póidalle expor a opción de que nese momento -sen menoscabo do requisito do segredo do voto- o elector lle entregue os sobres electorais, unha vez cumprimentados polo mesmo, a cambio dun xustificante acreditativo do depósito do seu voto, evitándolle o ter que acudir posteriormente a unha oficina de Correos", manifesta o acordo da Xunta Electoral Central.

A día de hoxe, o persoal de Correos, segundo puido comprobar Nós Diario, carece de explicacións sobre como van ter que proceder con este novo sistema e non recibiu ningunha instrución a través da intranet da empresa, como é habitual nestes casos.

Os prazos para solicitar o voto a distancia son os mesmos que para exercer o voto presencialmente nunha oficina de Correos e, se non se amplían como xa reclamaron desde a Xunta da Galiza, rematan o día 2 de xullo.

comentarios