SOCIAL

Aberto o prazo para o voto por correo con preocupación sindical ante un posíbel "colapso"

(Europa Press).
Alertan de que Correos "obriga a reincorporarse" a partir do 25 de maio a persoal sensíbel ante a COVID-19 e da "inseguridade xurídica" que supón o feito de admitir votos sen sinatura, pois este sistema ficou inhabilitado na empresa.

As oficinas de Correos xa recibiron as primeiras peticións de cidadáns para poder votar por correo nas eleccións galegas do próximo 12 de xullo. Hai de prazo até o 2 de xullo para realizar esta solicitude, mentres que o día 8 dese mes conclúe, salvo cambios que se poidan recoller, o tempo para exercer o dereito a través desta modalidade.

Esta situación trouxo a preocupación dos representantes das traballadoras, un dos colectivos, como aseguran fontes sindicais, máis afectados pola crise do coronavirus e que neste momento contan cun 15% menos do cadro debido a esta situación, segundo fontes sindicais.

Así, temen un "colapso" nas oficinas de correos, que ademais non estarían "adaptadas" para acoller peticións de forma masiva. Ademais, avisan de posíbeis problemas de seguridade legal, xa que os protocolos activados pola COVID-19 inhabilitan sistemas de firma que son necesarios, con todo, para exercer o dereito ao voto con seguridade xurídica.

Fontes da empresa manifestaron a Europa Press que, "como é habitual", Correos "estará" en disposición de levar a cabo as actuacións que se "estabelezan tanto na normativa electoral como postal, así como o cumprimento das obrigas de servizo público xa impostas".

Da mesma maneira, salientan que a empresa habilitará as actuacións necesarias que se "determinen no futuro a tenor das circunstancias imperantes", para "garantir" o normal desenvolvemento dos procesos electorais, tanto na Galiza como en Euskadi.

Porén, fontes sindicais confirmaron a Europa Press que a propia empresa comunicoulles que pediron unha aclaración á Xunta Electoral sobre as solicitudes de voto por correo que se realizaron antes da pandemia con respecto ao anterior proceso electoral. No informe xurídico que emitiu no seu día o árbitro das eleccións xa se apuntaba a necesidade de retrotraer as eleccións ao momento cero, entre outros motivos, para incluír a aquelas persoas que cumprisen 18 anos durante este tempo.

Correos obriga á reincorporación

Para o secretario de Organización de CIG-Correos, Anxo Álvarez, é unha "temeridade" a realización deste proceso electoral. Ademais, indicou que "non hai nada que avale a seguridade sanitaria do sector postal, que é o máis afectado despois o sanitario", con 1.000 traballadoras contaxiadas en todo o Estado e 2.500 en corentena, dos 55.000 coas que conta.

Anxo Álvarez explicou que "non hai medidas de prevención totais" para levar a cabo este proceso e puxo o acento en que actualmente hai oficinas de atención ao público que non contan coa xanela de metacrilato. De feito, indicou que houbo un concurso de pantallas faciais que quedou deserto.

O sindicalista da CIG tamén alertou de que a empresa "obriga a reincorporarse" a partir do 25 de maio a persoal sensíbel ante a COVID-19 e preguntouse cantas traballadoras do servizo postal infectáronse na campaña de Francia, tendo en conta que si houbo informacións nas que se destacou "que moitos políticos se viron afectados". "Gustaríanos que se tivese en conta o que pode pasar", sinalou.

Anxo Álvarez tamén alertou sobre a "inseguridade xurídica" dun proceso no que xa se están admitindo as solicitudes de voto por correo nun momento en que segue vixente o protocolo por coronavirus, con exención de firma. "Que validez pode ter un voto sen a firma? Estamos nesta incerteza xurídica", indicou.

"Non pode ser o substituto"

A xuízo da CIG, o voto por correo "non pode ser o substituto" do dereito a sufraxio en urna, e sinalou que se o groso do censo electoral optase por esta opción, sería "inasumíbel" para os servizos postais de Correos.

Neste senso, apelou ao "colapso" que houbo nos pasados comicios das xerais no que o aumento da tramitación foi "un auténtico atasco", que supuxo á súa vez cambio de prazos a última hora. "Agora, no medio dunha pandemia, pode supor un colapso, cando hai xente que ten que esperar nas rúas e dáse a tesitura de que as oficinas dan para o que dan", advertiu.

Complemento de productividade

Por outra banda, Alberto Hortas, de CSIF, pediu que se "aumente o cadro" de persoal que había antes da pandemia. Este sindicato solicitou, a través dun escrito presentado á empresa, que o complemento de produtividade que se pagaba antes "debe aumentar" polo "risco" ao que se vai a expor o persoal que traballe nestes momentos.

Consultados UXT e CCOO explicaron que están pendentes dunha petición de aclaracións que realizaron á empresa e están a avaliar a situación.

José Antonio Pensado, de CCOO, explicou que, aínda que están a facer esta avaliación previa, a posición de partida "é clara" e é que "primeiro ten que prevalecer a saúde e a seguridade" das persoas.