Alertan das dificultades de perceptoras de axudas sociais para acceder a vivenda en Vigo

Acción levada a cabo polo colectivo Os Ninguéns para visibilizar a veciñanza empobrecida (Imaxe: Os Ninguéns)
O colectivo Os Ninguéns denuncia que, ao tempo que os prezos suben, cada vez se exixen maiores requisitos para alugar. Asegura que a Xunta e o Concello só cubren o pago da vivenda uns meses para as persoas que se atopan ante o risco dun desafiuzamento.

"Os prezos dos alugueiros non deixan de subir e, ao mesmo tempo, as arrendadoras exixen cada vez máis garantías a quen procura unha vivenda: avais, un contrato de traballo, o pagamento de dous meses de fianza ou mesmo unha nómina concreta. Deste xeito, familias ou persoas no umbral da pobreza téñeno cada vez máis difícil". Así resume Antón Bouzas, do colectivo social Os Ninguéns, a actual problemática da vivenda da cidade de Vigo.

Segundo os datos do Observatorio da Vivenda da Galiza en 2019, un prezo medio da vivenda de 495 euros sitúa a cidade olívica como a segunda máis cara do país. Isto fixa unha barreira imposíbel de sortear para quen non pode obter máis ingresos que os dunha prestación social.

"O pasado ano contabilizamos un total de 571 lanzamentos, agora semella que 2020 terá uns índices similares", prevé Antón Bouzas. Na actualidade as integrantes de Os Ninguéns, un colectivo nado para denunciar e botar luz sobre poboación da cidade máis empobrecida, en moitas ocasións invisibilizada.

O colectivo axuda en varios casos

Unha das afectadas é unha muller de 35 anos, nai de catro crianzas de 3, 8, 14 e 16 anos. "Desde hai nove anos ocupa un piso, non tiña a onde ir. Cobra unha Risga de 650 euros e cada vez que trata de alugar unha vivenda recibe un non por resposta. Sobre ela xa pesa unha orde de desaloxo pendente de concretar, a pesar de que non ten a onde ir", denuncia este veciño de Vigo. O piso no que se introduciu a muller pertence a unha empresa inmobiliaria, se ben inicialmente era un "piso de promoción social", segundo denuncia Antón Bouzas.

Outro caso é o dunha familia na que tanto a nai coma o pai se atopan no paro. "Teñen tres crianzas de 18 e 6 anos e un bebé de 2 meses. Os únicos traballos que atopan son temporais, dun ou dous días, tampouco os aceptan en ningunha vivenda", resume o activista. Os restantes obedecen a dúas mulleres de 68 e 55 anos que cobran senllas pensións non contributivas de 395 euros mensuais e a un home de 78 anos que recibe 683 euros pola súa xubilación. Os seus contratos de aluguer remataron, non llelos queren renovar e non atopan alternativas na cidade olívica.

"Temos constancia de máis persoas con problemáticas similares. Porén, teñen medo de denunciar, medo a que se difundan os seus datos ", apunta Bouzas. Engade que nos catro casos que conduce a asociación as afectadas contactaron cos servizos sociais municipais e mais co programa Reconduce da Xunta da Galiza. "Mais só ofrecen o pago dun ou dous meses de aluguer", denuncia.