Stop Desafiuzamentos Lugo traballa en vinte casos de afectadas por despexos, seis "graves"

Acción de protesta de Stop Desafiuzamentos ante o Concello de Lugo (Imaxe: Stop Desafiuzamentos Lugo).
A plataforma lembra que no mes de maio remata a moratoria dos casos relacionados con hipotecas aprobada en 2013.

A plataforma Stop Desafiuzamentos Lugo está a traballar na actualidade nun total de vinte casos de desafiuzamentos, seis deles "graves". Destes casos, levan un en cada unha das comarcas dos Ancares, Meira, Quiroga, Terra de Lemos e a Ulloa; cinco na da Mariña, tres na de Sarria, e catro nas comarcas da Terra Chá e de Lugo.

A plataforma explica a Nós Diario que nalgúns casos, cando se comenta a posibilidade de acudir ás institucións, hai afectadas que abandonan por medo. Na súa maioría, trátase de familias con crianzas.

A voceira da plataforma, Mina Galván, confirmou nun comunicado que a meirande parte dos casos teñen que ver co impagamento de alugueres. Sobre os casos graves, concretou que un deles se refire a unha persoa "que foi ingresada na unidade de psiquiatría do Hospital Universitario de Lugo". Esta persoa non "debe moitos cartos", matizou a activista, mais o propietario do inmóbel no que vive emprazouno a abandonalo baixo a desculpa de que "ten un can".

Outro caso corresponde ao dunha nai con dúas crianzas. "Unha familia monoparental; ela é estranxeira e non conta coa tarxeta verde, non consegue atopar traballo e semella que ninguén a quere contratar", explicou, incidindo en que as únicas ofertas que recibe son irregulares, con pagos "en B". 

Moratoria das hipotecas

 "O máis complicado de atopar unha vivenda é que se trata de alugueres para persoas precarizadas, ás que lles demandan dous ou tres meses de fianza, alén das súas nóminas ou dun aval", remarcou a activista.

Ademais, lembrou que a moratoria antidesafiuzamentos aprobada en 2013 ten data de caducidade e que a partir de maio poden volver "moitos casos". Esta moratoria procuraba protexer colectivos especialmente vulnerábeis, como as familias con crianzas menores de idade ou monoparentais con crianzas ao seu cargo, mais tamén a persoas en desemprego ou vítimas de violencia de xénero, por exemplo.

Stop Desafiuzamentos Lugo participa na actualidade dunha campaña estatal das Plataformas das Afectadas polas Hipotecas (PAH) que, coa vista posta no fin desta moratoria, reclama ao Goberno central unha nova lei da vivenda así como a contrución dunha bolsa pública ou a regulación dos prezos.