Desafiuzada unha familia con menores en Ourense

Concentración contra o despexo desta mañá en Ourense (BNG)
Unha parella con dous menores de 6 e 7 anos ao cargo foi despexada esta segunda feira da vivenda na que residía en aluguer en Ourense, segundo confirmou Stop Desafiuzamentos. Na mesma mañá, a plataforma convocou unha mobilización diante da delegación do Instituto Galego de Vivenda e Solo para reclamar alternativas habitacionais para as persoas nesta situación e protestar contra as políticas de vivenda da Xunta. 


Tal e como indica Stop Desafiuzamentosa, a familia, que residía na vivenda desde marzo de 2018, adebedaba as últimas mensualidades do alugueiro. «Os gastos extraordinarios dos menores, a manutención familiar e o pago do aluguer chegaron ao punto de facerse inasumíbeis, polo que tiveron que optar por deixar de pagar o piso», manifestou a Europa Press Roberto Pereira, portavoz de Stop Desafiuzamentos Ourense.

Co asesoramento do colectivo, a familia puido atopar unha saída a curto prazo», após varios meses en situación de «desesperación absoluta».

Desde Stop Desafiuzamentos denuncian que a política de vivenda da Xunta «está encamiñada prestar axudas económicas dirixidas a circuítos de rentismo que solo contribúen a manter elevado o prezo do alugueiro», o que xera «parches de todo insuficientes para manter unhas condicións básicas vitais de estabilidade e dignidade».

Pola súa banda, o BNG, que estivo presente na concentración,  reclamou do Concello e da Xunta «unha política de vivenda social».

Tamén a plataforma antidesafiuzamentos considera imprescindíbel a creación dun parque de vivenda de emerxencia e vivendas sociais «suficiente, encamiñado a proporcionar alternativa habitacional urxentes en casos de despexos e, no seu caso, a estabilidade vital básica para calquera individuo ou familia, para despois poder afrontar outras necesidades vitais, como atopar un traballo, que permita ás persoas nesta situación saír por si mesmas deste circulo de exclusión».

«A especulación, primeiro coa compravenda e agora co aluguer, levounos a unha situación que afecta á totalidade das inquilinas e inquilinos. Cos soldos de hoxe e os prezos do aluguer cada vez máis altos, nalgunhas zonas xa superiores a un salario medio, manter o aluguer ou poder acceder a el para formar un proxecto de vida converteuse nun luxo», denuncia este colectivo.