80% dos despexos na Galiza xa son por impagamento de aluguer

Galiza rexistrou en 2019 o menor número de execucións hipotecarias desde antes do inicio da crise económica, aínda que os lanzamentos aumentaron o pasado ano en 32,9%, segundo os datos esta segunda feira polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX).

Así, en 2019 presentáronse 758 demandas de execución hipotecaria, o que supón a cifra máis baixa dos últimos doce anos, pois só en 2007, ano previo ao estalido da crise económica, chegouse a un número inferior (701).

Desta forma, os procedementos de execución hipotecarias tramitados nos xulgados galegos descenderon 42,7% respecto ao ano anterior, seis puntos por riba da media do Estado, que pechou 2019 con 36,5 por cento menos de execucións.

Por contra, os xulgados da Galiza practicaron o ano pasado un total de 2.271 lanzamentos (despexos ou desafiuzamentos), 32,9% máis que en 2018. Deles, case 80% (1.800 lanzamentos) foron por falta de pagamento de aluguer e en aplicación da Lei de Arrendamentos Urbanos.

Ademais, 396 corresponderon a execucións hipotecarias e os 75 restantes estiveron relacionados con outras causas, segundo reflicte o estudo 'Efectos da crise económica nos órganos xudiciais' elaborado polo CGPX.