Crise entre o Colexio de Médicos e a Xunta: expresa o seu "malestar" e o rexeitamento ao feche de centros de saúde e PAC

Rueda presidiu a xuntanza co Colexio de Médicos a pasada terza feira (Imaxe: Xunta)

O Consello Galego de Colexios de Médicos manifestou o seu "máis profundo malestar e rexeitamento" ás declaracións do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión mantida na tarde da terza feira e desmárcase de "decisións de xestión" que poida adoptar a Xunta "como un eventual fechamento ou reorganización" dos centros de saúde e os puntos de atención continuada (PAC).

"En ningún caso son responsabilidade dos Colexios Médicos. (...) Esas medidas, de ser tomadas, corresponden en exclusiva ás autoridades sanitarias competentes", esgrime a entidade nun comunicado emitido na quinta feira, despois do encontro decorrido na terza en San Caetano ao que acudiron, ademais de García Comesaña, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, entre outros.

Ao finalizar a reunión, o conselleiro compareceu ante a prensa e avanzou que o seu departamento abríase a "estudar" unha reestruturación do mapa de centros de saúde. Aínda que non concretou se isto se traduciría nalgún fechamento ou concentración de servizos, insistiu en que fora "o Consello (de Colexios Médicos) o que fixo a proposta".

Ademais, nas súas declaracións públicas da cuarta feira, asegurou que "en ningún caso" ían fechar instalacións sanitarias. Con todo, o comunicado dos colexios médicos recolle o seu "malestar e rexeitamento" polas súas palabras: "Impútansenos determinadas propostas concretas que non realizamos".

Segundo o colectivo profesional, na reunión da terza feira debateuse a "actual organización do traballo e a ordenación territorial en Atención Primaria", dado que a situación actual de "discordancia entre recursos humanos e dispositivos asistenciais dispoñíbeis" require "cambios e adaptacións" que se deben afrontar "con valentía e solvencia".

Axendas de máis de 60 pacientes

Neste contexto, a pesar de desmarcarse de eventuais fechamentos, o Consello Galego de Colexios Médicos válese de informes de "expertos en xestión sanitaria" para defender que si é necesaria unha "reorganización estruturada da organización e a repartición equilibrada de cargas asistenciais entre os diferentes dispositivos" de Atención Primaria.

Esta solución, ademais, debe tomarse de maneira "consensuada por todas as partes e adaptada ás necesidades poboacionais e xeográficas cos datos concretos", dos cales "só dispón" o Sergas.

"O noso labor é defender a calidade e idoneidade da práctica profesional, o que é incompatíbel con axendas de traballo de 60 pacientes, ou máis, na xornada habitual de moitos dos nosos compañeiros ou a desaparición dos equipos de traballo de Atención Primaria constituídos basicamente por médico e enfermeira", aseveran os colexios.

Acusa a Xunta de “fraude asistencial”

De feito, volven cargar contra a solución adoptada na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés de manter os PAC que non teñan facultativos só con Enfermería, o que é "unha fraude asistencial" e "un elemento de inseguridade" para profesionais e pacientes.

"Este Consello está afeito asumir as súas decisións, aínda que poidan ser, nalgunha medida, impopulares. Pedimos, por tanto, que a Consellaría de Sanidade e o seu conselleiro fagan os mesmos actos de responsabilidade que lle son propios á súa función e cargo, no canto de imputar aos demais propostas e decisións que só lle corresponden a el", finaliza o comunicado.

Este comunicado evidencia o malestar que hai no Consello Galego de Colexios Médicos coa Xunta, nun panorama de discrepancias en cuestións como as competencias de cada categoría de profesionais sanitarios. De feito, cabe lembrar que o Colexio de Médicos de Pontevedra -cuxo presidente, Isidro Lago, tamén o é do Consello Galego- considera rotas as súas relacións con Sanidade a pesar de que si acudiu ao encontro da terza feira.