A Xunta insta os Concellos a coordinar a chegada de refuxiados

Decenas de autobuses prepáranse para o transporte de material humanitario a Ucraína. (Foto: Ukrinform / DPA).
Diferentes administracións galegas encóntranse actualmente a coordinar tanto a acollida de persoas refuxiadas ucraínas como o envío de axuda humanitaria ao país.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou onte que a "mellor fórmula" para acoller persoas refuxiadas de Ucraína é coordinalo a través dos servizos sociais municipais, co obxectivo de que sexa unha "chegada ordenada" e se poida "ter un control serio das persoas" que se reciben.

Así o explicou durante a súa intervención na clausura da primeira Asemblea Xeral Ordinaria presencial, tras dous anos de pandemia, da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galiza), ante cuxas entidades solicitou que se xestione esta situación a través das localidades.

Algunhas administracións locais, xa comezaron a desenvolver estratexias de envío de  axuda a Ucraína e acollida de refuxiados. No caso do Concello de Compostela, enviará a Ucraína un total de 15 toneladas de material doado pola veciñanza de Compostela, unha vez clasificado e revisado por Protección Civil. A semana pasada, a administración compostelá xa enviara un total de 18 palés con axuda humanitaria ten previsión de enviar, ao longo desta semana, outros 12 palés máis.

O Concello de Lugo tamén anunciou a apertura dunha nova oficina de información nas instalacións municipais para dar respostas á "poboación solidaria" e "axudar a coordinar" o envío de axuda ao pobo ucraíno. "O obxectivo é canalizar e atender todas as peticións solidarias e ofertas de colaboración que nos están chegando nestes días por parte da veciñanza luguesa", manifestou a alcaldesa da localidade, Lara Méndez.

As Deputacións achegan axuda

A Deputación de Lugo tamén anunciou o envío de axuda; enviará de forma urxente tanto axuda económica como materiais básicos de primeira necesidade ao pobo ucraíno "para colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está a provocar no leste de Europa". Segundo explicou a Deputación nun comunicado, o presidente da entidade, José Tomé Roca, anunciou o envío onte. De todos os modos, o grupo do Partido Popular da Deputación de Lugo, a través do seu portavoz, Javier Castiñeira, lamentou que a axuda chegue "tarde, coma sempre, e de maneira insuficiente".

Pola súa parte, a Deputación de Ourense prepara un dispositivo para poder coordinar a resposta dos Concellos ante a crise humanitaria de Ucraína. Nas próximas horas enviará ademais unha carta aos 92 concellos explicando "polo miúdo" o dispositivo que se poñerá a disposición dos municipios.

Por outro lado, desde a Deputación de Ourense reuníronse telematicamente onte co alcalde do Concello de Maceda, Rubén Quintas, que encabeza unha comitiva solidaria para levar material humanitario ao pobo ucraíno e tamén para acoller ao redor de 24 persoas refuxiadas en coordinación coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína.

As Deputacións da Coruña e Pontevedra tamén prepararon o envío de axuda humanitaria ao longo desta semana e a anterior.