As Administracións instan a que a acollida de persoas refuxiadas ucraínas teña lugar por vías oficiais

Fabiola García, José Miñóns e Alfonso Rueda antes de producirse o encontro. (Foto: Nós Diario)
Insisten na importancia de apostar polas canles oficiais e reguladas para prestar axuda ás persoas refuxiadas.

A Xunta e o Goberno español instaron unha vez máis a que a acollida de persoas refuxiadas ucraínas teña lugar "con prudencia" e a través das vías oficiais, para facilitar a regularización e a tramitación de documentos a estas persoas.

Nun encontro entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Política Social, Fabiola García; e o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, ambas Administracións acordaron constituír un grupo de traballo para facilitar a  coordinación entre todas as institucións e entidades implicadas para garantir as axudas ás persoas desprazadas pola ofensiva militar rusa en Ucraína

Miñóns e Rueda, que adiantaron que na sexta feira haberá un novo encontro, insistiron na importancia de apostar polas canles oficiais e reguladas para prestar axuda ás persoas refuxiadas.

O delegado do Goberno sinalou que é necesario que a Xunta e o Executivo español saiban "cantas persoas e en que situación" chegaron á Galiza, así como onde residen, para "permitir xestionar a información e a documentación que precisan (permisos de residencia e traballo, por exemplo) de forma coordinada".

Coordinación da información

"O máis importante é a coordinación da información para dar o mellor servizo a cada un dos cidadáns ucraínos que chegan", sinalou Miñóns, antes de sinalar que os permisos de residencia e traballo se xestionan nas comisarías de cada circunscrición. Tamén lembrou que o Goberno español modificou o procedemento para que a poboación ucraína poida ter ese permiso de residencia "en 24 horas".

O representante do Goberno español recoñeceu que "todos queremos colaborar, pero a mellor forma de colaborar é con cautela, polas vías oficiais". Detallou que actuar por conta propia pode "prexudicar aos cidadáns (ucraínos) que chegan e que poden ter que tramitar os permisos necesarios por outras vías".

Os participantes da reunión insistiron en que todos os implicados, desde entidades sociais até Concellos, intercambien información e teñan en conta que a Consellería de Inclusión, que tamén enviará persoas refuxiadas polas canles estabelecidas, dispón de guías informativas sobre como actuar.

Asemade, destacaron a dispoñibilidade de vivenda durante un longo período de tempo, xa que os permisos contemplan períodos de ata tres anos con prórrogas. Para que os distintos Concellos estean informados, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) está a elaborar un documento que recolle todo o protocolo de actuación.