A potencia de eólica mariña proxectada na Galiza cuadruplicouse desde a entrada en vigor da moratoria estatal

Proxecto de eólica mariña de Ocean Winds. (Foto: Europa Press)
Adega urxe ao Ministerio a "cumprir a súa propia moratoria" e non admitir a trámite máis proxectos até a aprobación definitiva do novo regulamento.

En xuño de 2021 o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) decretou unha moratoria aos novos proxectos de eólica mariña até a aprobación dun novo regulamento para este tipo de enerxías do mar, que pasa desde a Folla de ruta aprobada en decembro pasado até o —aínda pendente— plan de ordenación do espazo marítimo (POEM).

A moratoria introduciuse na disposición adicional terceira do real decreto-lei 12/2021: "Desde a entrada en vigor deste real decreto-lei, e até a aprobación polo Goberno dun novo marco normativo para as instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, non se admitirán novas solicitudes de reserva de zona de instalacións de xeración eólicas mariñas [...] Tampouco se admitirán novas solicitudes de autorización administrativa de instalacións de xeración eólica mariña [...]".

Cando a medida entrou en vigor só Iberdrola se interesara por desenvolver este tipo de tecnoloxías de xeración enerxética en augas galegas, a través dos proxectos San Cibrao e San Brandán, cada un cunha potencia a instalar prevista de 490 megawatts (MW).

Desde entón, porén, catro novas iniciativas eólicas iniciaron a fase de tramitación perante o Miteco: Nordés (1.200 MW), Galwind (1.000 MW), Celta I (495 MW) e Volanteiro (510 MW). Así, a potencia enerxética de eólica mariña que se proxecta na actualidade fronte ás costas da Galiza ascende a 4.185 MW, isto é, catro veces máis que antes de que se aprobase a moratoria. As augas galegas concentran até 46,4% da potencia total que se está a tramitar no Estado —pouco máis de 9.000 MW—.

"As promotoras seguen a enviar á Administración os seus proxectos para, semella, ir 'adiantando trámites' en contra desta moratoria decretada en xuño de 2021, nun exercicio de filibusterismo eólico que conta coa comenencia administrativa", lamenta esta quinta feira a asociación ecoloxista Adega, que insta o Miteco a "cumprir a súa propia moratoria" e non admitir a trámite máis proxectos até a aprobación definitiva do novo regulamento.

Deste modo, o Estado español, sinalan as ecoloxistas, "está a comprometer tempo e recursos públicos en tramitar os documentos de alcance destes proxectos, en troques de presentar xa unha planificación e aprobar as normas precisas para o desenvolvemento sustentábel do sector".

En consecuencia, tanto Adega como outras organizacións participantes nesa Folla de ruta urxen ao Ministerio unha moratoria efectiva mentres non se aprobe o POEM, así como "un regulamento propio para a produción de electricidade no mar".

Plataforma experimental

A moratoria non afecta os proxectos de carácter experimental, como é o caso da plataforma de eólica mariña que o Consello da Xunta autorizou en setembro para instalar aeroxeradores cunha potencia de 30 MW a dez quilómetros da costa da Coruña.