Medio Ambiente

Adega invoca o "principio de precaución" na eólica mariña para evitar "un novo fracaso ambiental"

Na Galiza xa se presentaron diante do Ministerio dez proxectos de eólica mariña. (Foto: Nós Diario)
A asociación ecoloxista demanda unha moratoria "efectiva e inmediata" para evitar que se sigan a tramitar proxectos enerxéticos no mar até que se aprobe definitivamente a regulación do sector, pois hoxe aínda persisten, afirma, "grandes incertezas e descoñecemento científico" no que atinxe aos efectos destas instalacións nos ecosistemas mariños.

O "fracaso ambiental" será o resultado, a xuízo de Adega, de seguir adiante coa tramitación de diferentes proxectos de eólica mariña en augas galegas antes de rematar a planificación do sector perante os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM). A asociación ecoloxista advirte esta quinta feira das eivas, tanto no marco legal como a nivel administrativo, dunha industria aínda en fase de desenvolvemento e lembra, aliás, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica "debería aplicar a súa propia moratoria e non tramitar ningún parque eólico mariño" —aprobada en xuño de 2021 até dispor dun marco normativo—.

Adega pon o foco nun dos últimos proxectos admitidos a trámite polo Goberno español —son xa dez— no mar galego, Breogán, impulsado por Capital Energy fronte ás costas da Mariña e Ortegal. Os aeroxeradores situaríanse nunha parcela na que o Grupo Cobra pretende situar os aeroxeradores do parque Galwind, lamenta Adega, que ve unha "situación anómala que evidencia a falta de planificación do sector".

Este novo proxecto, sosteñen as ecoloxistas, "aumenta a presión sobre os ecosistemas mariños" e semella que "definitivamente estamos diante dunha auténtica febre do megawatt offshore, na que as empresas compiten entre si por coller sitio antes de que conclúa a planificación do sector".

Coas eleccións estatais á volta da esquina e os plans para o desenvolvemento da eólica mariña aínda pendentes de rematar, e o marco normativo pendente de actualizar, e debido á suma doutro "factor de incerteza para o sector pesqueiro" e mais "inseguridade xurídica para as empresas eólicas", Adega pregunta: "Que vai acontecer cos proxectos en tramitación?". Para a entidade esta é "outra razón máis para decretar, como temos reclamado reiteradamente organizacións ecoloxistas e gremiais, unha moratoria efectiva e inmediata para os proxectos enerxéticos no mar".

Ao fío desta cuestión, desde Adega instan a aplicar o "principio de precaución" no desenvolvemento desta industria enerxética tendo en consideración a "nefasta experiencia", aseguran, doutros países europeos coa eólica mariña "e co descoñecemento científico sobre os seus efectos".

"Casos de Bretaña, Países Baixos ou Suecia puxeron de manifesto que os parques mariños estanse a desenvolver de forma pouco transparente, e xa hai exemplos de que onde se implantaron a convivencia co aproveitamento tradicional dos recusos resulta imposíbel", defenden as ecoloxistas. Máis concretamente apuntan ao "paradigmático" caso portugués, do que xa falara en marzo pasado Nós Diario, onde as confrarías constataron que "nun quilómetro e medio á redonda da área de protección do parque eólico de Viana do Castelo xa non hai peixes".

Adega insiste nas "grandes incertezas e descoñecemento científico" que pairan sobre o sector no que atinxe aos efectos deses aproveitamentos enerxéticos nos ecosistemas mariños. "Continuar ignorando este feito podería conducir a outro 'fracaso ambiental', tal como aconteceu en moitos casos coa eólica terrestre en determinados territorios como Galiza", alerta.