O activista ecoloxista denunciado polo Grupo Coren: "Rectificar sería unha traizón"

Manuel García, terceiro pola esquerda durante unha protesta do Movemento Ecoloxista da Limia (Imaxe: Europa Press).
Un integrante do Movemento Ecoloxista da Limia foi denunciado polo Grupo Coren, que o acusa dunha intromisión ao honor por unhas declaracións nun programa de televisión. Este colectivo denuncia desde hai anos o impacto negativo da gandaría intensiva na comarca e a contaminación que provocou nas augas. 

O 2 de marzo, Manuel García acudirá a un acto de conciliación nos xulgados de Xinzo da Limia Manuel. Na outra beira da mesa sentará o Grupo Coren, a cooperativa de cooperativas galegas da industria gandeira e agricultora. García é un dos activistas que impulsaron, en 1981 o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL).

O pasado mes este ecoloxista recibiu a notificación dunha denuncia da cooperativa, que o acusa dunha "intromisión no dereito ao honor" e lle reclama un millón de euros en concepto de danos e prexuízos por unhas declaracións recollidas nunha emisión do programa “España directo" en setembro de 2019. 
A conciliación é o paso previo á celebración dun xuízo, na que se procura chegar a un acordo entre as partes.

"Buscan que me retracte, mais sería unha traizón a quen loitamos por que se coñeza o impacto negativo que ten a gandaría intensiva na comarca da Limia", afirma García en conversa con Nós Diario. o ecoloxista apunta a que existen múltiples "evidencias científicas" que confirman a contaminación das augas da comarca. "O realmente grave deste asunto é que as Administracións competentes non fixeron nada para evitalo", lamenta.

Concentración parcelaria

O integrante do MEL recorda que na década dos 90 as súas integrantes viaxaron até Bruxelas para denunciar a concentración parcelaria impulsada polo Goberno do popular Xosé Manuel Fraga. Daquela creáronse as condicións para a instalación de empresas de gandaría intensiva na comarca. Até 400 explotacións acumula esta área, cuxo terreo non é capaz de asimilar os xurros procedentes da súa actividade.

García explica que as activistas do MEL e doutras entidades teñen recibido anteriormente presións de empresarios. "Levamos anos denunciando a sobrecarga que sofre a Limia desde 2007", expón. 

Contaminación en datos

A Sociedade Galega de Historia Natural fixo públicos en xaneiro de 2020 as analíticas realizadas pola Dirección Xeral de Saúde nos sistemas de abastecemento municipais da chaira da Limia. O colectivo ecoloxista analizou a presenza de nitratos, traza dunha posíbel contaminación polo emprego de fertilizantes agrícolas.

Da documentación relativa aos anos 2017, 2018 e 2019 a sociedade percibiu un aumento sostido na concentración media de nitratos nun total de 24 puntos de abastecemento. 11 das datas de análise devolveron niveis “de alerta” de 30 miligramos por litro. Noutras 9 datas, as mostras amosaban unha concentración superior aos límites legais, estabelecido en 50 miligramos por litro.

A propia SGHN, xunto máis de 50 colectivos ecoloxistas, apoiou na sexta feira a Manuel García nun comunicado. "Semella que unha empresa queira aplicar a Lei Mordaza para calar as nosas denuncia este activista que o 29 de febreiro recibiu o premio Osíxeno 2019 da man de Adega.