A Xunta alega en contra da declaración de augas vulnerábeis en catro puntos da Limia

Encoro das Conchas. Praia do Corgo en Muíños. Abaixo: José Balseiros, esta sexta feira no Parlamento.
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias di no Parlamento respecto da “posíbel contaminación” das augas na Limia que gandeiros e agricultores “non son os únicos responsábeis da problemática”.

Durante anos a Xunta eludiu o problema: mentres a contaminación era evidente nas augas superficiais do encoro das Conchas, e despois foino na canle principal de Antela cando a comunidade científica empezaba a advertir que as analíticas daban concentracións altas de nitróxenos, ou cando no 2015 houbo que cesar o subministro a Xinzo de Limia desde o encoro de Gundín, contaminado por cianobacterias.

Agora, despois de que veciñas e veciños da comarca montaran o ano pasado unha plataforma para denunciar o evidente e que a Administración galega tivese que crear a Mesa da Limia o pasado abril, o problema empeza a ser recoñecido aínda que segue sendo subestimado. “Unha posíbel contaminación”, dixo esta sexta feira na Comisión de Agricultura do Parlamento José Balseiros, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias.

Balseiros empeñouse en rebaixar as dimensións do problema, mesmo cando o Ministerio de Transición Ecolóxica vén de incluír 5 puntos da Limia entre as zonas de augas continentais afectadas pola contaminación, ou en risco de estalo, pola achega de nitratos de orixe agraria nas bacías hidrográficas intercomunitarias.
  
“O xusto é que nos comparemos. Na bacía do Douro hai máis de cen puntos sinalados como augas vulnerábeis pola contaminación. Hai 1.038 en todo o Estado. Na Galiza só 5, apenas 0,6%”, dixo Balseiros.

Malia todo, a Xunta alegou contra esa orde ministerial. O Ministerio incluíu 4 puntos de augas subterráneas: un en Sandiás, outro en Trasmiras, dous en Xinzo; ademais do encoro das Conchas (augas superficiais), nos concellos de Muíños e Lobios. Balseiros explicou que a Xunta atendeu ás analíticas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para presentar as alegacións. “Nun dos puntos existía un erro na identificación, os valores non se correspondían cos achegados pola CHMS na nosa revisión; noutros tres, a evolución da concentración de nitratos marca unha tendencia negativa”. 

Respecto das augas das Conchas, o director xeral tan só acertou a retrucar á orde ministerial, “non toda a concentración de nitratos se debe a fontes agrarias, hainas non agrarias, así como á falta de renovación das augas...”

Agora, as veciñas e veciños da Limia están a espera de que o Ministerio publique a resolución ou a orde definitiva que determine as augas subterráneas e superficiais afectadas e traslade a información á Xunta de Galiza, que ten as competencias para proceder a declaración de zonas vulnerábeis e deberá desenvolver os programas de actuacións que esixe a normativa, e que, entre outras cuestións, atinxen á xestión dos xurros e outros residuos das explotacións gandeiras. Iso, se o Ministerio non atende ás alegacións da Xunta, que teima en agochar o problema.