Niveis de nitrato por riba do límite legal

As augas da Limia, con altos niveis de contaminación

A Sociedade Galega de Historia Natural liga a presión da industria gandeira á contaminación das augas (Imaxe: Agostiño Iglesias)
A Sociedade Galega de Historia Natural publica os datos de análises realizadas nos últimos cinco anos nos sistemas de abastecemento da chaira da Limia. Algúns dos puntos exceden o "límite legal" de nitratos.

"O deterioro do recurso auga (en calidade e cantidade) na Limia xa non só é un problema ambiental, tamén o é de saúde pública", afirma nun comunicado a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). O colectivo vén de publicar esta semana datos procedentes das análises dos últimos cinco anos dos sistemas municipais de abastecemento da chaira da Limia. Os datos publicados onte, e entregados á SGHN pola Dirección Xeral de Saúde Pública  após unha consulta pública, revelan un "incremento sostido da concentración media de nitratos no conxunto dos 24 puntos analizados" entre 2017 e 2019.

A sociedade alerta de que nove dos valores consultados "exceden o límite legal nitratos nas augas de consumo humano". Son os procedentes dos puntos de análise de Cardeita, Piñeira de Arcos, Sandiás e Vilariño das Poldras, no municipio de Sandiás, e o de Cortegada, no concello de Sarreaus. 

En 2019, veciñanza da comarca da Limia uniuse na plataforma Auga Limpa Xa, para denunciar o mal estado dos seus recursos hídricos por mor da actividade gandeira. As súas mobilizacións forzaron a Xunta da Galiza a crear a Mesa da Limia no mes de abril para abordar esta problemática. Nela sentan a propia Administración galega, a empresa Coren, os sindicatos agrarios, ecoloxistas e veciñanza.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.