Veciñanza da Limia organízase contra a contaminación dos acuíferos polos resíduos das macrogranxas

A plataforma 'Auga limpa xa!' denuncia que en tres anos aumentou en 39% a concentración de nitratos nas masas de auga subterráneas da chaira da Limia. As granxas de polos, porcos e tenreiros suman nesta zona 75.000 UGM (unidade gandeira maior).

A preocupación pola contaminación de acuíferos e masas de augas subterráneas na chaira da Limia, que achacan á mala xestión dos residuos das macroganxas existentes na zona, levou a veciñanza a organizarse para denunciar esta situación e procurar solucións. Un paso neste compromiso é a plataforma 'Auga Limpa xa!' que veñen de constituír veciños e veciñas da Limia, Baixa Limia, Celanova e Monterrei.

 

"En só tres anos aumentou en 39% a concentración de nitratos nas masas de auga subterráneas da chaira da Limia", afirma o recén nado coletivo a través dun comunicado. Hai veciñas e veciños, explican, que están consumindo auga non potable dos seus pozos porque descoñecen que superan os 50 miligramos de nitratos por litro. Actualmente na Unión Europea o nivel máximo permitido é de 50 mg/l, sendo 25 mg/l o valor guía. As analíticas da Confederación Hidrográfica do Miño Sil chegaron a rexistrar ata 174 mg/l (agosto 2017, perto do canal da Lagoa de Antela, en Vilariño das Poldras).

 

"A galinácea, os xurros e o esterco que xeran as 400 macro-granxas que hai na Limia convértena nunha das zonas de Europa con máis concentración gandeira. Estanse a ciscar sen control polas parcelas e montes unha boa parte destes residuos"

 

"O mesmo organismo recoñeceu que a orixe deste problema está nos residuos gandeiros. Como consecuencia, tamén o encoro das Conchas sofre. Verán tras verán as augas non son aptas para o baño ao estar contaminadas polo nitróxeno e o fósforo que río Limia abaixo chegan á presa, proliferando unha insalubre cantidade de cianobacterias, que tinguen a auga de verde, desprenden un fedor forte e envelenan a flora e a fauna fluviais".

 

Concentración


As granxas de polos, porcos e tenreiros suman na chaira da Limia 75.000 UGM (unidade gandeira maior), indican desde 'Augas Limpas xa!'. E explican esta concentración cun exemplo: Esta produción gandeira intensiva supón unha carga equivalente á que provocarían 1.400.000 habitantes, sería o mesmo que ter a metade da poboación de toda Galiza en só 1% do territorio galego. "A galinácea, os xurros e o esterco que xeran as 400 macro-granxas que hai na Limia convértena nunha das zonas de Europa con máis concentración gandeira. Estanse a ciscar sen control polas parcelas e montes unha boa parte destes residuos, non soamente na chaira limiá, tamén nas comarcas veciñas de Monterrei, Celanova e a Baixa Limia".

 

A plataforma Auga limpa xa! chama a todos os actores implicados para buscar xuntas "solucións a este grave problema". Como medida urxente, propoñen unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións que xa están en funcionamento. Explican que fronte a eses modelos de granxas intensivas, defenden unha gandeiría "vinculada á terra produtiva e aos coidados do territorio, baseada en criterios de sostibilidade para xerar alto valor engadido e ter prezos xustos para as produtoras e produtores destas comarcas".