Petición unánime á Xunta para clarificar a convocatoria das oposicións de educación

Oposicións (Xunta)
Con voces que, como a CIG, chaman a aprazar o concurso de oposicións docentes que a Xunta mantén para xuño malia o confinamento, sindicatos, axentes sociais e partidos concordan en reclamar á Consellaría unha decisión firme e urxente que acabe coa incerteza das persoas opositoras.

Se existe un posicionamento unánime en relación ao concurso de oposicións de educación que a Xunta mantén, polo momento, para o vindeiro mes de xuño, é a necesidade de acabar coa "incerteza" que padecen as persoas aspirantes. A opinión, compartida por sindicatos, partidos da oposición e persoas opositoras, vese con claridade desde os centros de preparación dos exames onde, á falta de información suman as dificultades do confinamento, tanto polos obstáculos de combinar teletraballo, obrigas familiares e estudo en situación de estrés como polas carencias técnicas para manter o estudo. "O que é común a todo o noso alumnado é a necesidade de saber algo xa, para poder organizarse", corrobora o responsábel administrativo de Nós Oposicións, Alberto López Muñiz. 

Xa a semana pasada, os principais sindicatos remitían á conselleira un escrito para exixir a convocatoria da mesa sectorial de ensino para reclamar unha interlocución que, critican, é inexistente. A CIG, unha das asinantes, exixía xa entón que a Xunta, como Administración responsábel, postergase a 2021 a convocatoria, opinión maioritaria tamén na enquisa realizada por UXT que, con máis de 9.000 respostas, recolle 92% de voces favorábeis a adiar a data, entre candidatas "libres", que nunca traballaron para a Administración galega, profesorado interino ou substituto e  funcionariado de carreira, afectado por poder participar como tribunal.

Onte, un día despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reafirmara a intención de continuar co procedemento previsto salvo por imposibilidade sanitaria –apartándose así do resto de territorios pero alongando unha vez máis a decisión final, logo de que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, fixara inicialmente o 11 de abril como data límite para chegar a unha resolución, agora vinculada ao mantemento do estado de alarma máis alá do 26– o resto de partidos demandaron "claridade" e a urxente convocatoria da mesa sectorial, na que consensuar con sindicatos e axentes sociais un novo calendario ante un aprazamento que se ve como inevitábel.

"A situación é un disparate, pola incerteza e polas versións contraditorias da Xunta, que demostra unha xestión nefasta ante uns prazos que xa non dan", advirte Alberte Fernández, opositor a Xeografía e Historia, que resume a voz das moitas aspirantes que levan todo o ano preparando a proba e que ven "electoralismo puro" no atraso do anuncio da suspensión. "Deberían confirmar algo xa, e dado que non se pode ratificar que se poidan realizar, terá que ser que non. A Xunta ten que decidir, porque moita xente está gastando tempo e recursos", engade Lucas de Fontenla, profesor substituto que opta a unha praza de Lingua Galega e Literatura, e quen advirte do "aumento de competencia" que suporía que Galiza fose o único territorio en manter a convocatoria en xuño.

Ese "efecto chamada" e o vencemento dos prazos formais son tamén algúns dos argumentos do manifesto do colectivo "Opositoras Galegas", que pide o aprazamento ante a imposibilidade de "garantir a seguridade e equidade nun proceso de oposición destas características".