A Xunta mantén o calendario das oposicións e os sindicatos cualifícano de "despropósito"

Exames de oposicións nas instalacións do recinto feiral de Silleda. (Foto: Europa Press).
CIG-Ensino considera a medida unha "irresponsabilidade" e ANPE táchaa de "inhumana" 

A incógnita sobre as oposicións do profesorado prolongarase durante un mes. A Xunta decidiu manter o proceso selectivo nos termos previstos, polo menos durante a nova prórroga do estado de alarma -até o 26 de abril- e “mentres os prazos o permitan”.

A Consellaría de Educación,  Universidade e Formación Profesional supeditara inicialmente o mantemento das oposicións á decisión do Goberno español de prorrogar esta situación máis alá do 11 de abril, debido a que consideraba que en caso de levantarse o estado de alarma aínda “estarían en prazo” de realizar as probas con normalidade. Con todo, e a pesar desta nova extensión, o Goberno galego deixou clara a súa intención de manter o proceso, á espera da evolución da situación sanitaria pola COVID-19.

A titular de Educación, Carmen Pomar, confirmouno nunha misiva remitida aos sindicatos de profesores: "A nosa vontade, por respecto aos miles de persoas opositoras que nestes momentos están a realizar un esforzo para prepararse nunha situación tan complexa, é manter o proceso, xa que aínda se está en prazo para levalo a cabo".

Galiza, sitio distinto

Despois de que Euskadi anunciase onte o aprazamento das probas, e logo de que o resto de territorios do Estado adoptasen a súa propia decisión nesa liña -ben pospoñéndoas até o vindeiro ano, ben atrasándoas-, Galiza quedaba como o único lugar que mantiña o proceso selectivo.

A conselleira de Educación do Goberno Vasco, Cristina  Uriarte, alegou que resultaba "imposíbel" desenvolver as probas da oferta pública de emprego previstas para o próximo 20 de xuño en Euskadi porque "non dan os prazos", e considerou que "dificilmente" podería desenvolverse “antes do verán”.

Esta vontade de seguir adiante co proceso selectivo na Galiza levou a que as principais organizacións sindicais do sector (CIG- Ensino, Comisións Obreiras Ensino, ANPE e  FeSP-UXT), emitiran un comunicado conxunto no que reflectían o seu rexeitamento "unánime" a esta medida e exixían a convocatoria "urxente" da mesa sectorial.

Suso Bermello (CIG-Ensino) considerou "unha irresponsabilidade enorme" e "un auténtico despropósito" a medida tomada polo Goberno presidido por Alberto Núñez Feixoo, mentres que desde ANPE foron incluso máis alá, cualificando de  "inxustificábel" e "sobre todo, inhumano", que a Xunta da Galiza manteña esta posición "coa situación de pandemia" que afronta o país.