Unha campaña suma apoios para reclamar o adiamento das oposicións educativas

A campaña contra o mantemento do calendario das oposicións suma xa 5.000 sinaturas.
Cinco mil sinaturas suma xa unha campaña iniciada na plataforma Change.org para reclamar á Xunta o aprazamento do concurso de oposición de educación, tal e como se está a facer na maioría dos territorios, para o vindeiro curso, dado o impacto das medidas de confinamento  nas vidas das aspirantes.

A petición, iniciada hai tres semanas ante a incerteza da convocatoria, cobrou forza nas últimas horas, despois de que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, remitise unha carta na que deixa aberto o mantemento da oposición nos prazos previstos, e adía a decisión, polo menos, até o 26 de abril, data na que conclúe a prórroga do estado de alarma decretado polo Goberno central ante a incidencia da pandemia

Entre os argumentos que se esgrimen para pedir a suspensión cóntanse os de opositoras confinadas con crianzas e persoas dependentes, que censuran que as oposicións "non poderán ter lugar en condicións xustas" despois de moitas xornadas de compaxinar traballo, estudo e coidados en pisos, en moitas ocasións, pequenos e "sen servizos públicos nin posibilidade de ir á biblioteca ou ter acceso a unha rede de apoio para os coidados".  "Así non hai igualdade de oportunidades", expoñen, para lembrar que os coidados "son sempre invisíbeis". 

O propio texto da campaña apela á "ética" para pedir o aprazamento, entendendo que "se se está facendo un chamado á cidadanía para que quede na casa e asuma a responsabilidade de deter o seu día a día, seguir co proceso normal de oposicións é incoherente"."Pospoñer as oposicións como fixeron noutros lugares é un xesto de empatía cos que levamos moitos anos estudando. Estes momentos son moi duros como para seguir estudando coma se nada pasase", demanda.