Familiares da residencia DomusVi de Aldán levan candeas á porta do centro

Concentración diante da residencia DomusVi de Aldán (Vellez Digna).
Seguen "en busca de respostas" mentres avanza a súa demanda pola vía penal contra a empresa. 

Familiares de maiores usuarios da residencia de DomusVi en Aldán, en Cangas, concentráronse na Alameda e marcharon até as portas do centro xeriátrico "en busca de respostas" con candeas e pancartas coas fotografías do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto á máxima dirixente da empresa, Josefina Fernández.

Seguen a reclamar información sobre o que sucedeu dentro da residencia cando comezou a alerta pola pandemia da COVID-19 e piden explicacións á empresa privada que xestiona o centro sobre os 38 falecementos que se produciron

"É preciso unha comisión de investigación, saber a conexión do PP con DomusVi, sacar conclusións. Urxe unha atención digna aos maiores e non o negocio á súa costa", salientou Montse Prado, número 2 do BNG na candidatura por Pontevedra, nas súas redes sociais durante a marcha.

Prado, que considerou a residencia de Aldán como a "zona cero do drama da COVID-19", estivo acompañada pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e varios concelleiros nacionalistas. 

Esta non é a primeira vez que os familiares se concentran ás portas do centro en Aldán. "Non podemos admitir esta falta de atención para as nosas familiares. Segue sen haber enfermeiras e agora seguirán tendo que ser as auxiliares e as xerocultoras as que se ocupen da atención sanitaria", censuraba Francisco Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna, nunha protesta anterior. 

Mentres, a súa demanda pola vía penal avanza nos xulgados. A querela, á que tivo acceso Nós Diario, acusa a CEO do DomusVi España e administradora única de Geriatros, a directora do centro residencial DomusVi de Cangas, a xefa do Servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta pola posíbel comisión dun delito de omisión de socorro, abandono de persoas incapaces, lesións e homicidio, nestes dous casos, por imprudencia profesional grave.