A Xunta autoriza a construción do parque eólico Rodicio II, en Maceda e Montederramo

Parque eólico na serra do Candán, entre as comarcas do Carballiño, Terra de Montes e Deza. (Foto: Arxina)
O parque contará con dous aeroxeradores de 5,2 megawatts de potencia cada un, cunha altura de 107,5 metros e 145 metros de diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación e os equipamentos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

A Xunta outorgou autorización administrativa e de construción das instalacións do parque eólico Rodicio II, situado nos municipios de Maceda e Montederramo (comarcas de Allariz e Terra de Caldelas) e promovido pola empresa Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 10,4 megawatts.

Así se recolle este luns no Diario Oficial da Galiza (DOG), que indica que a promotora constituirá, con carácter previo ao comezo das obras, unha fianza para garantir o cumprimento da obriga de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras.

O importe desta fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 76.783 euros.

Ademais, entre outras cuestións, a empresa deberá achegar á Administración galega o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións estabelecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

En canto aos bens e dereitos afectados por este parque e adscritos ás distintas Administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes e para os cales mostrou a súa conformidade.

O parque contará con dous aeroxeradores de 5,2 megawatts de potencia cada un, cunha altura de 107,5 metros e 145 metros de diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación e os equipamentos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

75 aprobacións

O pasado mes de abril, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, confirmou que a Xunta autorizara 75 parques eólicos, 63% dos que completaron a tramitación, segundo informaba Nós Diario.

Así, en resposta a unha interpelación formulada naquela altura pola deputada do BNG, Noa Presas sobre a participación pública da Administración galega no ámbito eólico; Conde aproveitou para avanzar estes datos tras o fechamento do prazo en días pasados e concretou que se corresponden con 1.958 megawatts.