Alúgase turismo: escasa oferta e concentración de viaxeiras dificultan o acceso á vivenda

Bañistas na praia de Silgar, coa vila de Sanxenxo ao fondo (Imaxe: Wikimedia).
O verán na praia e a fin do Camiño. Sanxenxo e Compostela son dous municipios cun tipo de turismo ben diferenciado, mais que en ambos os casos tivo efectos no acceso a unha vivenda. A primeira pecha as contras no inverno e fica case en silencio, a segunda enfróntase na actualidade ao reto de conciliar cidadanía e visitantes.

En decembro do pasado ano o Concello de Santiago de Compostela decidiu limitar a apertura de novos apartamentos de uso turístico en toda a súa área urbana. A medida, impulsada polo rexedor socialista, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, estende o couto que Martiño Noriega, alcalde por Compostela Aberta, impuxo a estes alugamentos no casco histórico durante o seu mandato e contou co apoio de todas as forzas políticas agás a do Partido Popular.

Comprobouse unha redución notábel da oferta de aluguer tradicional, afirma Benito Iglesias

Desde 2017, cando entrou en vigor o Decreto de ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Galiza pódese estimar o peso do turismo sobre o mercado da vivenda. "No primeiro verán, ao cabo de tres meses, comprobouse unha redución notábel da oferta de aluguer tradicional", explica o presidente da Federación Galega de Empresas Imbobiliarias (Fegein), Benito Iglesias, a Nós Diario.

Iglesias lembra que a directora de Turismo, Nava Castro, asegurou durante unha comparecencia aquel mesmo ano que as vivendas que se orientaron daquela ao turismo regresarían ao mercado habitual. "Non foi así", asegura, "e dous anos despois a derivación foi forte e notábel".

A da Xunta contabilizou en xaneiro 9.872 vivendas de uso turístico rexistradas. Sanxenxo, o municipio con maior oferta, suma 1.728 e Compostela, en segunda posición, 681. Porén, o propio Concello compostelán destacou que moitas operan irregularmente.

O IGE contabilizou en 2011 case 300.000 vivendas baleiras no país

A presión do mercado turístico únese á escasa oferta, nun país que conta con miles de vivendas baleiras. O Instituto Galego de Estatística (IGER) informou en 2011, último ano con datos dispoñíbeis, dun total de case 300.000. Nas urbes, lideraba a clasificación A Coruña, con 19.283, seguida das 18.588 de Vigo, 14.561 de Ourense, 12.370 de Lugo, 9.512 de Compostela, 8.886 de Pontevedra ou 8.318 de Ferrol.

Verán en Sanxenxo

Nos meses estivais Sanxenxo vira epicentro turístico das Rías Baixas, cun ambiente distinto ao do inverno de persianas baixadas. A súa posición como cuarto destino de Estado para as vacacións inflúe no mercado inmobiliario, e unha vivenda pode alcanzar un prezo de 2.800 euros por quince días en agosto.

Os prezos do alugueiro son prohibitivos, segura Sandra Fernández

"Hai moitos pisos turísticos e iso vai en detrimento á hora de fixar poboación, porque os prezos son prohibitivos", asegura a concelleira do BNG Sandra Fernández en declaracións a este medio, "en verán podemos chegar as 150.000 habitantes, cando estamos censadas 17.500 persoas". 
A edila apunta a un maior consumo de auga debido á afluencia de persoas, tamén dunha maior frecuencia dos camións do lixo. "O maior peso recae nos servizos sanitarios. Envían unha médica e dúas enfermeiras, mais é insuficiente", recalca.

Tanto en Sanxenxo coma no Grove, segundo municipio en visitantes da comarca, o mercado do alugueiro virou cara ao turismo a medida que se enchían as praias. Este concello perdeu 400 habitantes nos últimos 9 anos. "Cando o habitual é que o Eixo Atlántico atraia poboación, mais a xente nova non pode asumir os prezos", afirma o concelleiro nacionalista Heládio Outeiro en declaracións a este medio, cifrando en 5.000 o parque de vivendas local, con 2.000 ocupadas.

A xente nova non pode asumilos, afirma Heládio Outeiro

Desde 2002 O Grove carece dun Plan Xeral de Ordenamento Urbanístico (PXOM). "Foi tumbado pola Xunta e cada vez que se intentou aprobar, a cidadanía protestou. Hai moita desinformación e as veciñas temen que, de aprobarse, as vivendas que construíron cun pé fóra da legalidade teñan que ser derrubadas", resume Outeiro. 

Camiño de Compostela

Cando Lucas Gómez chegou a Sarria para traballar como docente substituto explicáronlle que moitas veciñas alugan os seus pisos temporalmente ás peregrinas, moitas das que comezan alí a súa ruta. "O meu contrato remata o propio mes de xuño, que é cando chegan moitas máis turistas. Ademais, contáronme que adoitan pagar bastante máis que a renda habitual", conta en declaracións a este medio.

María Meixide atende desde o local da inmobiliaria Arinmo en Arzúa, unha das últimas etapas do camiño. "Recentemente chamou unha clienta preguntando por ofertas de alugueiro, despois de buscar aloxamento en Compostela e non atopar nada", conta por teléfono a Nós Diario.

Desde hai dous ou tres anos este tipo de aluguer disparouse, expón Pablo Angueira

No Pino, a 23 quilómetros da capital e outra das paradas xacobeas, a falta de oferta é similar. Pablo Angueira, administrador de Capital Inmobiliaria, explica a este medio que numerosas empresas turísticas alugan a súa oferta dispoñíbel, actuando como intermediarias coas visitantes. "Desde hai dous ou tres anos este tipo de aluguer disparouse", expón.