Entidades polo dereito á vivenda promoven unha folga de alugueiros pola crise da COVID-19

2020033012174027800

Baixo cancelos como #SuspensiónAlugueirosXa ou #HuelgaAlquileres, sindicatos de inquilinas e organizacións polo dereito á vivenda chaman a unha folga no pago do alugueiro desde o 1 de abril para exixir ao Goberno central medidas que cubran os dereitos básicos durante o confinamento causado pola crise sanitaria. 

 

A campaña, que se organiza en todo o territorio estatal e que tamén na Galiza está a ecoar a través de entidades como Ecoloxistas en Acción de Vigo ou os Grupos de Apoio Mutuo (GAM) da Coruña, denuncia que o Goberno "ignora" as demandas de suspensión do pago do alugueiro e "prioriza que todas as rendas inmobiliarias se sigan cobrando a prezo de ouro, coma se a economía non se tivese paralizado, e pretende que miles de persoas se endebeden para pagalas".

Así, baixo a premisa de que "se a economía produtiva para, a economía rentista tamén", as organizadoras chaman a unirse á folga e informan dos trámites a seguir, a través da web www.suspensionalquileres.org, na que tamén teñen aberta unha iniciativa para crear unha caixa de resistencia coa que financiar asesoramento legal e outros gastos.

 Entre as medidas que reclaman está a suspensión dos pagos do alugueiro e hipotecarios á vivenda habitual, así como das subministracións básicas de auga, luz e gas, e a posta a disposición das vivendas baleiras de persoas sen fogar. Ademais, reclaman un plan de acción para cando remate o confinamento, para afrontar as consecuencias socioeconómicas que sufrirán, en especial, as persoas máis vulnerábeis. 

A campaña inclúe unha petición de suspensión de alugueiros a través de change.org. "É a hora de rescatar as persoas, de confinar privilexios. A suspensión do pago dos alugueiros é o primeiro paso necesario para devolver a función social á vivenda e superar as consecuencias sociais da pandemia", propón.