A outra cara do tren: seis horas de Compostela a València, tres para ir da capital a Lugo

Un tren pasa por unha zona preparada para o AVE na Galiza (Foto: ADIF).
Renfe presume dos beneficios da chegada do AVE á Galiza, que segue a manter numerosas eivas na rede ferroviaria interna. Lugo non ten conexión directa, e a única frecuencia diaria a Compostela, con escala en Ourense, tarda arredor de tres horas.

Renfe destacou esta segunda feira que a chegada do tren de alta velocidade (AVE) á Galiza o 21 de decembro e "a ampliación de frecuencias e destinos" dos billetes integrados "mellorou as opcións" de viaxe entre o país e o resto do Estado español. A través dun comunicado, a operadora defendeu os beneficios da redución de tempos até Madrid —entre 54 minutos e1 hora e 28 minutos— e da posibilidade de facer enlaces cun único billete integrado, que ten "un prezo inferior" ao que tería que abonar en cada viaxe por separado.

Así, Renfe ofrece varios exemplos de traxectos. Desde Compostela, que ten dez servizos diarios por sentido con Madrid —catro directos e seis con enlace—, pódese agora ir en tren até Córdoba en 5 horas e 59 minutos ou a València en 6 horas e 7 minutos. Ademais, desde Ourense, punto neurálxico de todas as conexións galegas co resto do Estado tras a chegada do AVE, a oferta "aumenta de forma notábel", asegura a compañía, debido a que se pode viaxar a Málaga en 5 horas e 56 minutos ou a Barcelona en 6 horas e 7 minutos.

Do mesmo modo, Renfe destaca que da Coruña a València pódese ir en 6 horas e 37 minutos; de Vigo a Málaga, en 7 horas e 38 minutos, e de Pontevedra a Córdoba, en 6 horas e 43 minutos.

A realidade galega

Porén, as melloras na rede ferroviaria que conecta a Galiza con Madrid contrastan coas eivas nas conexións internas que a cidadanía e as forzas políticas da oposición veñen denunciando nos últimos anos.

Tomando como referencia a capital galega, os 940 quilómetros (km) que a separan de Córdoba fanse no AVE en apenas seis horas, mentres para viaxar a Lugo, con 80 km de distancia, a duración do traxecto é de 2 horas e 58 minutos. Neste senso cómpre lembrar que entre Compostela e Lugo hai unha única frecuencia ferroviaria por día —con escala en Ourense—, que parte ás 14.15 horas.

"Se miramos o mapa dos servizos de proximidade de Renfe comprobaremos que a Galiza non existe", lamentou recentemente o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. A formación nacionalista promoveu no Parlamento o pasado ano a iniciativa 'Galtren', que pretendía dotar o país dun servizo ferroviario destas características e de xestión propia, mais foi rexeitada polo voto en contra do PP.

Esta mesma segunda feira, Rego reivindicou na Coruña un tren de proximidade para a súa contorna. "A Coruña xa dispón dos elementos básicos para implantar un servizo de proximidade semellante aos que xa funcionan na práctica totalidade das áreas metropolitanas do Estado español", argumentou. Aliás, o deputado do Bloque pediu "unha política tarifaria accesíbel e competitiva" para que a poboación elixa o tren como medio de transporte, xa que "a propia Renfe declara que o  Eixo Atlántico é o servizo de Media Distancia que máis beneficios achega ao operador estatal".

Frecuencias "incompatíbeis" coa realidade laboral

No que atinxe precisamente ao Eixo Atlántico, o mellor conectado do país, a plataforma de persoas usuarias de Media Distancia na Galiza denunciou este mesmo mes as "dificultades" ás que se enfrontan as e os traballadores que se desprazan en tren para acudir ao seu posto polas frecuencias estabelecidas por Renfe, á que afean que non rectifique un modelo "completamente desfasado" e que "aínda non recuperou a normalidade" tras a supresión de servizos durante a pandemia.

De feito, tal e como xa informou Nós Diario, os concellos do interior da Galiza só recuperaron 50% dos trens de media distancia que había antes da irrupción da Covid-19. Na actualidade restituíronse entre 90% e 100% do servizo A Coruña-Vigo e só 50% no interior. O responsábel do sector ferroviario de CCOO, Gregorio Bermejo, explicou a este xornal que coa apertura da liña de AVE Madrid-Ourense, "adaptáronse as frecuencias para dar servizo a esta longa distancia".

Para Juan Sánchez, da Confederación Xeral do Traballo (CXT), a maior incidencia dos recortes que se realizaron afectaron o rural. En concreto nas liñas Vigo-Ourense-Monforte-O Barco de Valdeorras: "Pasaron a ter dous servizos diarios e con unificación de horarios, deixando de lado as necesidades da poboación", asegurou.

En relación ao FEVE, está restituído todo o servizo agás un 15% na liña entre Ferrol e Ortigueira. Porén, faltan servizos entre Ourense e O Carballiño, con só un servizo de ida e outro de volta. Tamén faltarían entre Ourense e Monforte, "que agora teñen frecuencias que non se adaptan ás necesidades das persoas que as empregan" segundo Bermejo.