Rego defende a necesidade dun tren de proximidade na contorna da Coruña

O deputado nacionalista criticou o empeoramento do servizo e reclamou un sistema de proximidade na Coruña, incidindo en que o tren é un “elemento de xustiza, cohesión e progreso social, un transporte que axuda a diminuír as diferenzas sociais e económicas entre persoas e territorios”.
O deputado do BNG, Néstor Rego, participou na protesta en Lugo para exixir un tren "digno" (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, participou na protesta en Lugo para exixir un tren "digno". (Foto: Nós Diario)

"A Coruña xa dispón dos elementos básicos para implantar un servizo de cercanías, similar aos que xa funcionan na práctica totalidade das áreas metropolitanas do Estado español", reiterou o deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego.

O lexislador reclamou que se impulse o tren de proximidade na área urbana da Coruña, e incidiu en que o tren é un “elemento de xustiza, cohesión e progreso social, un transporte que axuda a diminuír as diferenzas sociais e económicas entre persoas e territorios”, polo que a Galiza “non pode renunciar a un servizo ferroviario moderno e competitivo”.

Malia o importante número de persoas que residen na área urbana, explicou Rego, nas últimas décadas non se mellorou de maneira significativa a infraestrutura, nin se iniciou a electrificación da liña ou se construíu unha dobre vía na unión entre A Coruña e Palencia (Castela e León).

De feito, elimináronse apeadeiros ferroviarios como os das Xubias, A Pasaxe ou Guísamo, e mesmo a praia de manobras en estacións como a de Cambre, o que impide o cruzamento de trens.

Por iso, amais de encetar os traballos pendentes, Rego fai un chamamento á “rehabilitación dos tramos abandonados, á reconstrución e acondicionamento dos apeadeiros ou á habilitación de zonas de aparcamento gratuíto na proximidade das estacións ou apeadeiros”.

Tamén insiste en que hai que “apostar pola construción do bypass de Betanzos, que xa reclamamos nos Orzamentos do Estado“ para empregar este servizo en toda a área urbana “como un medio de transporte útil e digno”.

Tarifas competitivas

O deputado pediu “unha política tarifaria accesíbel e competitiva” para que a poboación elixa o tren como medio de transporte, cando “a propia Renfe declara que o  Eixo Atlántico é o servizo de Media Distancia que máis beneficios achega ao operador estatal”, co gallo de cobrar viaxes de proximidade como Media Distancia, resolve Rego.

Comentarios