A Fiscalía recibe tres denuncias contra Luis Rubiales polo bico sen consentemento a Jenni Hermoso

O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales (Foto: Oscar J. Barroso / Afp7 / Europa Press).
Até o momento, ningunha das tres denuncias interpostas ante a Fiscalía Xeral do Estado foron admitidas a trámite.

A Fiscalía Xeral do Estado (FXE) recibiu xa tres denuncias contra o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, polo bico forzado na boca que deu á xogadora Jenni Fermoso na entrega de medallas do Mundial en Australia.

Fontes fiscais confirmaron que o Ministerio Público conta xa con tres denuncias sobre a mesa presentadas por tres particulares que piden que se investigue Rubiales, quen acumula frontes abertas no Consello Superior de Deportes e o reproche público de varias formacións políticas, así como da propia Hermoso, que a noite da cuarta feira emitiu un comunicado no que pedía "medidas exemplares" para o presidente da RFEF.

As mesmas fontes precisaron que unha das denuncias foi presentada polo presidente da Escola de Adestradores de Fútbol en España (Cenafe), Miguel Ángel Galán, quen o ano pasado presentou unha querela contra Rubiales que se investiga no Xulgado de Instrución Número 4 de Maxadahonda por presuntas irregularidades na RFEF para que o torneo da Supercopa de España se xogase en Arabia Saudita.

Até o momento, ningunha das tres denuncias interpostas ante a Fiscalía Xeral do Estado foron admitidas a trámite.

Viaxe a Nova York

Para alén diso, A xuíza de Maxadahonda que investiga estas presuntas irregularidades cometidas no seo da RFEF pediu información sobre unha viaxe que Luis Rubiales, realizou a Nova York (EUA) en 2018.

Nunha providencia do 14 de xullo a xuíza Delia Rodrigo Díaz solicitou ­a petición da Fiscalía que se acheguen á causa “os documentos xustificativos de dita viaxe”.