97% das augas subterráneas galegas están contaminadas por nitratos

Greenpeace alerta da delicada situación da auga subterránea (Foto: Nós Diario).
Durante todo o ano 2022, rexistráronse no Estado español un total de 858 medicións de nitratos na auga, segundo informa Greenpeace nun comunicado.

97% das medicións realizadas na Galiza en augas subterráneas teñen contaminación por nitratos, tal e como se desprende dos resultados dun estudo realizado pola Rede Cidadá de Medición de Nitratos, da que forman parte diversas organizacións, entre elas, varias de Greenpeace.

Durante todo o ano 2022, rexistráronse no Estado español un total de 858 medicións de nitratos na auga, segundo informa Greenpeace nun comunicado. O estudo constata que 37% das medicións totais (auga de billa, superficial e subterránea) mostran contaminación por nitratos, é dicir, superan o límite legal. Ademais 20% está en risco de superar estes límites.

Con todo, Greenpeace asegura que o problema máis grave é o que padecen as augas subterráneas, que son as reservas do futuro, xa que 58% das medicións indican contaminación por nitratos. Así mesmo, apunta que 27% das medicións en augas superficiais e 11% das augas de consumo teñen o mesmo problema.

Galiza destaca cun número significativo de medicións, con 97,5% positivo, o que supera o límite legal en augas subterráneas.

O Estado español, ante a xustiza

A organización ecoloxista afirma que a situación da contaminación da auga por nitratos considérase "tan grave" que a Comisión Europea decidiu a finais de 2021 levar o Estado español ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (UE) por incumprimento da Directiva de Nitratos. Neste contexto, a Comisión informou Greenpeace que "este proceso segue en marcha", segundo asegura a organización.

“O Ministerio para a Transición Ecolóxica está a dar pasos moi positivos para protexer a auga fronte á contaminación por nitratos. É o momento de que o Ministro de Agricultura, Luis Planas, e as comunidades autónomas sigan os mesmos pasos e actúen con urxencia e contundencia freando ese cancro que é a gandería industrial e as súas macrogranxas”, indican desde Greenpeace.

“Necesitamos moratorias e un plan para reducir a gandaría en intensivo. Temos un grave problema coa auga: é escasa e está contaminada e mal xestionada", explica Luis Ferreirim, responsábel de agricultura e gandaría de Greenpeace.