Social

76 profesionais sanitarias dan positivo en COVID-19 na Galiza polo uso das máscaras defectuosas

Máscara defectuosa nun centro sanitario de Vigo (Nós Diario).
O Sergas informa de que realizou máis de 3.000 probas de detección do coronavirus entre as profesionais que puideron ter empregado estas máscaras distribuídas polo Ministerio e posteriormente retiradas por ser defectuosas. 

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou 76 casos positivos entre os 3.055 test realizados a profesionais sanitarias que utilizaron as máscaras defectuosas, retiradas polo Goberno español, do fabricante Garry Galaxy.

Así o afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira nunha rolda de prensa telemática, na que explicou que se realizaron 3.055 test ás profesionais que empregaron esas máscaras "compradas polo Goberno estatal" que, lembrou, "posteriormente notificou que tiñan deficiencias".

"Dos 3.055 que testamos hai 76 profesionais que deron positivo, a maioría asintomáticos e en illamento domiciliario", explicou Feixoo, quen admitiu que "sorprendeu moito o problema das máscaras defectuosas". "O que fixemos foi facer un test para comprobar cantas profesionais se contaxiaron como consecuencia desas máscaras", abundou.

O titular da Xunta apuntou que "pode haber risco a unha complicación posterior". A respecto diso, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, asegurou que o Sergas avaliou "á inmensa maioría" do persoal que usou as máscaras de protección retiradas do fabricante Garry Galaxy e incidiu en que "quen ten que estar illado neste momento o sabe".

Riscos laborais no Sergas

O Sergas vén de convocar de maneira urxente á Comisión central de saúde laboral para esta sexta feira cun único punto na orde do día: "actuacións e medidas ante a crise sanitaria provocada polo SARS-COV-2". Mais os sindicatos critican que no que vai de abril non houbo outras convocatorias para transmitirlles información da situación. 

O sindicato FeSP-UXT denuncia que "a Consellaría de Sanidade non informa da afectación de persoal sanitario e non sanitario, nin das medidas para detectar ou previr dita afectación". "Os datos fíltranse aos medios de comunicación, e facilítanse nalgunha xerencia, pero non permiten acreditar os totais da Galiza, nin por centro de traballo do Sergas", aseguran nun comunicado. 

FeSP-UXT demanda que esta reunión normalice a situación e que "cese o ocultismo e a vulneración" dos dereitos de representación das organizacións sindicais. 

Así mesmo, o sindicato incide en que se descoñece "a situación de persoal mobilizado desde a atención primaria a atención especializada, persoal que rota constantemente entre distintos servizos (incluso pasa de atender a pacientes diagnosticados de COVID-19 a pacientes con outras patoloxías) sen que se lles realicen probas para determinar que non son portadores da enfermidade".