Social

Sanidade ordena retirar as máscaras defectuosas distribuídas polo Ministerio e repartidas por toda Galiza

Máscara defectuosa nun centro sanitario de Vigo (Nós Diario).
A Consellaría de Sanidade ordena "inmobilizar e retirar" estas máscaras após comprobarse polo Goberno estatal, o que as distribuíu, que non teñen a capacidade de filtrado necesaria para protexer do coronavirus. 

A Consellaría de Sanidade ordenou xa "inmobilizar e retirar" as máscaras da marca 'Garry Galaxy' que hai na Galiza despois de que o Ministerio de Sanidade, que foi o que realizou a distribución, enviase unha alerta indicando que non cumpren coa normativa europea en materia de filtrado para a protección contra a COVID-19.

Estas máscaras están embasadas nunha bolsa de plástico individual con detalles verdes e levan a cualificación de N95, un sistema empregado nos EUA que supostamente equivale á denominación de protección FFP2 utilizada en Europa. 

Segundo puido confirmar Nós Diario, este modelo de máscaras chegou a diversos centros da área sanitaria de Vigo e de Ourense. En concreto, detectáronse caixas coas 'Garry Galaxy' no Hospital Álvaro Cunqueiro e no Meixoeiro de Vigo, así como en varios centros de saúde da cidade olívica, e no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo). 

O Sergas asegura que deu orde no día de onte de que se identificasen, se inmobilizasen e se retirasen estas máscaras após as denuncias públicas realizadas polos sindicatos esta sexta feira, que alertaban dos posíbeis contaxios entre o persoal que as empregou esta semana, pois fontes consultadas por Nós Diario apuntan a que estiveron nos centros sanitarios mínimo dous días. 

En total, segundo traslada Sanidade, "inmobilizáronse 36.883 máscaras na plataforma de distribución de Negreira e outras 45.408 que foron retiradas polas xerencias das áreas sanitarias". Con todo, segundo puido confirmar Nós Diariona tarde desta sexta feira estas máscaras defectuosas aínda estaban en centros de saúde galegos

O fabricante destas máscaras, supostamente FFP2, forma parte da listaxe de provedores autorizados polas autoridades chinesas e "todos" os produtos administrados contan con "preceptivo marcado CE".

Con todo, e a pesar de que unhas máscaras contidas nun envase azul si cumpren coas especificacións estabelecidas na norma UNE-EN 149:2001+A1:2010, a partida contida en envases verdes non cumpre con estes requisitos, polo que se ordenou a retirada inmediata de todas estas máscaras.

Así o comprobaron tanto o Instituto de Saúde Carlos III como o Ministerio de Traballo, organismo que realizou unha análise, solicitado polo Hospital Universitari Parc Taulí de Barcelona, destas máscaras que cualifican como "autofiltrantes, encartadas, con pinza nasal e con arnés de cabeza consistente en cintas elásticas que pasan por detrás das orellas".

"Trátase de dúas máscaras de apariencia similar pero con niveis de protección moi distintos", salienta o informe do Ministerio de Traballo, no que se explica que para "verificar" as diferencias entre as máscaras realizáronse tamén "ensaios de resistencia á respiración" nos que se comprobou "a coherencia cos resultados obtidos na penetración" das gotiñas de saliba que se producen en procesos como a intubación dun paciente, cando se xeneran aerosois. 

Probas ao persoal

Por outra banda, o Sergas manifesta que procederá "con inmediatez" a substituir todas as máscaras que se están a retirar e "realizará as probas diagnósticas necesarias para garantir a protección e seguridade dos seus profesionais".

Así mesmo, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, enviou ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, unha carta "na que solicita que se lle remita información axustada sobre os lotes afectados e o tipo de deficiencias detectadas".