Social

O Goberno español deixa nos centros médicos a opción de facer probas ás sanitarias que usaron máscaras defectuosas

As ministras María Jesús Montero e Salvador Illa (J.M. Cuadrado/Moncloa).
A ministra de Facenda indica que serán os centros sanitarios receptores destas máscaras defectuosas os que porán en marcha a súa prevención de riscos laborais se detectan que algunha profesional estivo exposta ao coronavirus.

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno español, María Jesús Montero, sinalou esta segunda feira que serán os centros sanitarios, a través dos seus programas de prevención de riscos laborais, os que decidan se se realizan probas diagnósticas PCR para identificar se están contaxiadas ou non as profesionais sanitarias que usaron as máscaras defectuosas retiradas polo Ministerio de Sanidade.

A pasada sexta feira, o departamento que dirixe Salvador Illa comunicou a retirada inmediata das máscaras FFP2 do fabricante Garry Galaxy, despois de observarse que unha partida contida en envases verdes non cumpría coa norma UNE.

O fabricante destas máscaras forma parte da listaxe de provedores autorizados polas autoridades chinesas e "todos" os produtos administrados contaban con "preceptivo marcado CE". Con todo, e a pesar de que unhas máscaras contidas nun envase azul si cumprían coas especificacións estabelecidas na norma UNE 149:2001+A1:2010, a partida contida en envases verdes non cumpría con estes requisitos, polo que se ordenou a retirada inmediata de todas estas máscaras.

A ministra Montero non detallou o número de máscaras que foron retiradas polo Ministerio, a pesar de ser preguntada por este extremo na súa comparecencia. Con todo, a Consellaría de Sanidade xa trasladara que na Galiza "se inmobilizaron 36.883 máscaras na plataforma de distribución de Negreira e outras 45.408 que foron retiradas polas xerencias das áreas sanitarias".

María Jesús Montero si sinalou que a prevención de riscos laborais ten "perfectamente contemplado de que maneira se actúa nos casos nos que puidese existir algún risco por atender a unha persoa positiva ou se interprete que o material de protección non fose o eficaz que se expuxo".

Segundo a portavoz de Goberno, os propios centros sanitarios receptores destas máscaras poñerán en marcha estes programas de prevención de riscos laborais se detectan que algunha das súas profesionais puido estar especialmente exposta ao virus ao ter empregado estes produtos defectuosos.