2020, o ano que puxo en evidencia a necesidade e fraxilidade dos coidados

Acción en Verín polo 25N (Foto: Marcha Mundial das Mulleres).
A Marcha Mundial das Mulleres encara 2021 coa vontade de seguir na rúa. "Organizarse politicamente tamén é unha actividade esencial", asegura Ximena González. 

A pandemia trastornou a sociedade en 2020. O movemento feminista, que se mobilizou nun marzo marcado polos primeiros contaxios, viu como as medidas sanitarias dificultaban a súa loita e ao tempo evidenciábana como fundamental. O pasado 8 de marzo decorreu situando a vida e os coidados que a sustentan no centro. E os coidados amosáronse máis precisos que nunca no confinamento.

"As mulleres sosteñen a vida, levan a cabo os traballos esenciais dos coidados. Non só no fogar, tamén na sanidade, na educación, nas residencias de maiores. Son as que chaman e as que se preocupan. Levan a cabo esas tarefas esenciais, pero tamén desvalorizadas pola sociedade", apunta Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres.

Explica González que desde a Marcha despediron 2020 cunha sensación "agridoce". "No confinamento fecharon as escolas infantís, os colexios ou os centros de día, todos aqueles servizos que servían para ofrecer coidados, precarios, desde o colectivo. Pensamos que serviría para deitar luz sobre a súa importancia. Así o pareceu ao principio, pero esta cuestión foi desprazada pola pandemia", agrega.

Nun estudo da Asociación de Maternidades Feministas en Compostela (Materfem), 60% das 250 participantes recoñece que prescinde de durmir para poder facer fronte ás numerosas tarefas do seu día a día. A maiores, a EAPN Galiza-Rede galega contra a pobreza apuntou no Parlamento da Galiza que as mulleres son un dos colectivos máis afectados pola pandemia, xunto coa infancia e a mocidade. 

Violencias machistas

Expertas e o propio movemento feministas alertaron tamén das consecuencias derivadas das restricións pola pandemia. As denuncias por violencia machista diminuíron neses meses, mais volveron repuntar co relaxamento destas medidas. Entre xullo e setembro, os xulgados galegos recibiron 3,6% máis de denuncias que o ano anterior, até un total de 1.767 e un total de 4.653 denuncias nos tres primeiros trimestres do ano. Mentres, as profesionais dos Centros da Información á Muller demandaron máis recursos para chegar aínda a máis mulleres.

A cara máis crúa das violencias machistas tamén saíu á luz neste 2020, cos asasinatos machistas de tres mulleres: os de Manuela Iglesias (A Pastoriza, 25 de xaneiro), Clara María Expósito (Lugo, 9 de febreiro) e Soledad Rey (Gondomar, 3 de decembro). En tanto, os pasos dados no camiño dun pacto galego contra as violencias machistas ficaron conxelados. 

Pasos adiante

Mais, como sinala Ximena González, o 2020 tamén deixa boas novas. Na Galiza, a presión do movemento feminista forzou a Xunta a reverter o feche do paridoiro de Verín. Á outra beira do Atlántico, as arxentinas viron a culminación de anos de mobilizacións coa legalización do aborto no seu país en decembro.

"As compañeiras chilenas tamén fixeron posíbel a chegada dunha nova constitución, mentres que as polacas loitaron para paralizar o retroceso dos poucos dereitos reprodutivos que posúen", di González. E 2021 comeza cun permiso de paternidade de 16 semanas, equiparábel xa ao de maternidade. As loitas continúan. "Organizarse politicamente tamén é unha actividade esencial. Non renunciaremos á rúa", asegura González.