O 25-N desconfina a loita contra o machismo

A Coruña mobilizouse contra o machismo (Foto: Arxina)
A pandemia que marca desde hai oito meses o ritmo da vida no planeta modificou onte a imaxe das mobilizacións do 25-N, marcadas nesta edición polas distancias, a prevención e as máscaras. Mais o coronavirus fixo, neste tempo, moito máis, ao cargar sobre as mulleres uns coidados que se volveron cruciais para a supervivencia, agravando a fenda laboral e illando aínda máis as vítimas da violencia machista. Contra a desigualdade, Galiza volveu hoxe levantar a voz para pór no foco un problema que non é individual, senón social e político, e que debe ser prioritario para as Administracións públicas

Un obxectivo "profundo e radical" impulsa as persoas, entidades e colectivos que fan parte no movemento feminista, cada 25 de novembro e cada día do ano: "Vivir sen violencias, de ningún tipo". 

A aspiración, rexistrada no manifesto que a coordinadora galega da Marcha Mundial das Mulleres (MMM) lanzou esta cuarta feira, a través dun vídeo coral e tamén nas mobilizacións convocadas neste Día Internacional pola Eliminación da Violencia sobre as Mulleres, require dunha mudanza "nas actitudes, nas políticas e no modelo social" que precisan, tamén neste momento de pandemia, que a loita pola igualdade efectiva pase a converterse nunha prioridade. 

As esixencias da situación sanitaria –distancia interpersoal, maiores medidas de prevención, máscara, contención nos actos de rúa– marcaron hoxe as numerosas, aínda que non tanto como de normal, accións de rúa e demais convocatorias institucionais organizadas contra as múltiples manifestacións das violencias machistas. A Coruña, As Pontes, A Estrada, Barreiros, Ferrolterra, Carballo, Catoira, Celanova, Compostela, Lalín, Lugo, Marín, Miño, Ourense, Vedra, Vigo, Vilaboa ou Vilagarcía de Arousa realizaron as súas mobilizacións, algunhas limitadas a fiestras e balcóns, para visibilizar o que non debe silenciarse: que os crimes como os que este ano custaron a vida Manuela Iglesias e Clara María Expósito na Pastoriza e Lugo unicamente son a plasmación máis cruenta, pero para nada a única, dunha desigualdade sistémica, enraizada nun sistema de valores que coloca as mulleres por detrás e impide, en moitos casos, unha vida en liberdade.

A pandemia estivo presente tamén nas reclamacións que colectivos e sindicatos formularon nos actos que se sucederon ao longo da xornada. Así, desde a Marcha Mundial das Mulleres, a pluralidade de voces que deu forma ao seu manifesto, femininas –CIS e trans– na súa ampla maioría, quixo lembrar as violencias que as restricións agochan dentro do fogar. "Sempre hai un elemento invisíbel para as violencias machistas, e máis este ano", advirte a plataforma, que rexeita "a individualización da defensa" contra estes actos.

Nese sentido, o colectivo censura que non se teñan considerado os servizos de asistencia ás vítimas de violencia de xénero "actividade esencial" durante o confinamento.

"As institucións paralizaron a maior parte dos servizos de prevención e atención. Os xulgados pararon procedementos de custodias, conflitos e todo tipo de procesos víronse aprazados. Suprimíronse programas de atención e acompañamento e quedaron escasos recursos de emerxencia, que xa antes da crise non eran quen de dar resposta ás necesidades das mulleres", denuncia a coordinadora galega, que advirte da acción das "políticas neoliberais de sempre, que desmantelan os servizos públicos" –escolas infantís, centros atención á vellez, ou sanidade– en favor do "capital financeiro, as medidas de austeridade e as privatizacións".

 "O capitalismo, na súa lóxica de acumulación de riqueza, pretende que consideremos como unha violencia menor que se nos reclúa nos nosos fogares baixo o pretexto do amor romántico, responsabilizándonos da reprodución e obrigándonos a realizar gratuitamente traballos indispensábeis para o mantemento da vida", avalía.

Os coidados, esenciais

A "desprotección social" que sofren os coidados –altamente feminizados, tanto nos traballos informais como nos formais– malia ser indispensábeis, segundo quedou demostrado desde a aparición do coronavirus, centrou tamén o discurso da secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral.

"Se algo evidenciou a Covid-19 foi o carácter esencial destes traballos de coidados e malia isto, non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial; non se puxeron en marcha políticas públicas para reforzar e valorizar estas profesións, nin se lexislou para garantir os dereitos de coidados das persoas", lamenta o sindicato nacionalista, cuxo lema neste 25-N lembra que "descoidar a quen coida é violencia contra as mulleres".

"Quen protexe e quen coida?", preguntouse Corral durante o acto desenvolvido na Coruña, diante da Delegación do Goberno estatal na Galiza –e diante da Xunta–, espazo elixido para chamar a atención sobre ese tipo de violencia machista menos visíbel, como é a institucional.

 

Queres continuar coa lectura? Podes atopar o texto ao completo no Nós Diario que estará mañá no quiosque ou na nosa tenda online. Tamén tes a opción de facerte subscritora ou subscritor agora mesmo!