As denuncias por violencia machista repuntaron ao rematar o confinamento

Acto simbólico da Marcha Mundial das Mulleres polo 25-N en Vigo. (Foto: Europa Press)
As estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial para o terceiro trimestre de ano apuntan a unha suba destas denuncias, que foron 1.767 en tres meses. Nese período multiplicáronse as vítimas que rexeitaron declarar nos procesos como testemuñas. 

Se, como avanzaban hai apenas unha semana os dispositivos que traballan na primeira liña coas mulleres vítimas de violencia de xénero, o confinamento diminuíu as denuncias mais non as agresións machistas, a recuperación da mobilidade e do contacto social si fixo repuntar as denuncias por esta clase de delitos.

Confírmano as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial, que indican que entre xullo e setembro, os xulgados galegos recibiron 3,6% máis de denuncias que o ano anterior, até un total de 1.767, que son, ademais, 275 máis que no trimestre anterior, onde se produciron as medidas máis drásticas do primeiro estado de alarma. Comparado co primeiro trimestre do ano, a diferenza é aínda maior, de 370 casos.

Con estes datos, actualizados no día de hoxe, Galiza suma entre xaneiro e setembro 4.653 denuncias de mulleres por violencia de xénero, o que mantén as cifras en parámetros similares aos do ano 2019, cando chegaron, en total, 6.551 destes casos aos xulgados. 

Medran as denuncias e medran tamén as mulleres que aparecen como vítimas nos procedementos, que son neste período 1.764, 15,7% máis que hai un ano. Con todo, e segundo apuntan desde o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), Galiza segue a estar entre os territorios cunha menor taxa de mulleres vítimas, cunha media de 12,6 por cada 10.000, case cinco puntos por embaixo da media do Estado español.

Con todo, o cambio máis acusado refírese ás mulleres que neste período se acolleron á dispensa para non declarar, e que neste último trimestre supuxeron 364, isto é, unha de cada cinco. O dato representa un aumento de até 333% respecto ao ano previo, no que a porcentaxe de vítimas que renunciaban a declarar contra o seu agresor roldaba 5,6%, con 84 das 1.499 contabilizadas.

Son case tantas como o total de mulleres vítimas que rexeitaron ser testemuña en procesos xudiciais deste tipo ao longo de todo 2019, que sumaron 366, e o triplo das que se acolleron a esta posibilidade no primeiro trimestre deste ano (122) ou no segundo (104).

Os meses posteriores ao confinamento destacan tamén polo aumento de ordes de protección solicitadas. Foron 595, 11% máis que no mesmo período de 2019 e tamén máis que nos meses anteriores, nas que se contabilizaron 529 para o primeiro trimestre e 489 para o segundo. Das 595 destes tres últimos meses adoptáronse 368, un 62%, unha taxa lixeiramente inferior á dos meses precedentes, que se move entre 64% e 68%.

En canto aos vitimarios, a estatística xudicial sinala que neste último trimestre resultaron condenados 88% das persoas que foron axuizadas por delitos de violencia contra as mulleres, un total de 233.

Os xuízos caeran no segundo trimestre até os 98 polas restricións derivadas da pandemia, malia que a violencia contra a muller foi considerada unha actividade esencial para os xulgados, se ben a taxa de condenas mantíñase en parámetros similares (89,8%).

Entre xullo e setembro levouse a xuízo ademais un caso no que o denunciado era menor de idade. Ademais, os xulgados contabiliza nove menores vítimas, como as súas nais, no trimestre.