Peóns, coches, bicis e transporte nunha mesma rúa: Clara Campoamor, eixo da intermodalidade en Santiago

A estratexia EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) do Concello de Santiago de Compostela, financiada con fondos FEDER da Unión Europea, continúa a deixar a súa pegada positiva na cidade. Un dos máis notábeis exemplos desta transformación é a reordenación do vial Clara Campoamor, un proxecto que ten como obxectivo principal reducir as emisións de CO2 mediante o fomento da intermodalidade no transporte público da cidade.
Na rúa, conviven agora espazos para os peóns, os ciclistas e os vehículos.
photo_camera Na rúa conviven agora espazos para os peóns, os ciclistas e os vehículos.

Case tres anos despois da súa apertura, esta rúa converteuse nunha das vías principais de Santiago de Compostela. Nela, conviven os vehículos privados, as bicicletas, os peóns e o transporte público, tren e autobús, favorecendo a conexión entre os distintos modos de transporte. Podes acudir en bicicleta á estación, camiñar ao apearte do autobús ou combinar o vehículo co ferrocarril. 

A iniciativa mellorou así o acceso á estación intermodal, favorecendo o transporte público, e creando accesos seguros para ciclistas. Este ambicioso proxecto converteu ademais a rúa Clara Campoamor nunha parte esencial dos percorridos a pé entre dúas zonas da cidade que antes estaban mal conectadas: os barrios de Pontepedriña e o Ensanche.

A conexión dos distintos modos de transporte

A intermodalidade é polo tanto un dos principais eixos desta reordenación. Nesta vía de acceso á estación intermodal, que serve tanto para autobuses como para trens, tamén se incorpora a mobilidade ciclista e peonil. O obxectivo é conectar de maneira eficiente diferentes modos de transporte, reducindo así a dependencia do vehículo privado, nunha cidade onde esta é unha opción habitual.

A nova función da rúa Clara Campoamor como vía de acceso á estación intermodal permitiu a circulación dos autobuses dende o norte e o sur, facilitando as manobras de entrada e saída da estación. Ademais, promoveu a permeabilidade entre os distintos medios de transporte e os espazos urbanos adxacentes, como as zonas naturais próximas ao río Sar.

Este proxecto tamén ten en conta a calidade do ambiente urbano, beneficiando a cidadanía coa creación de espazos máis amigábeis e menos contaminados. A reordenación da rúa Clara Campoamor foi deseñada cunha visión de racionalización técnica e económica, aproveitando a infraestrutura existente na medida do posible e asegurando que os obxectivos de sostibilidade sexan prioritarios.

Esta reordenación do vial Clara Campoamor é un claro exemplo de como o investimento en mobilidade sustentábel pode mellorar a calidade de vida na cidade e reducir o impacto ambiental. Conectando barrios previamente illados e fomentando o transporte público e a mobilidade ciclista, Santiago de Compostela camiña cara a un futuro máis sustentábel e accesíbel para a súa veciñanza.

A colaboración entre o Concello de Santiago e a Unión Europea

O investimento total deste proxecto ascendeu aos 1,6 millóns de euros, financiados nun 80% polos fondos FEDER e nun 20% polo propio Concello de Santiago. Grazas a esta colaboración entre a administración municipal e os fondos europeos, a cidade beneficiouse dunha maior conectividade do transporte, repercutindo polo tanto nunha redución das emisións de CO2.

Dende unha visión global da estratexia EDUSI, a reordenación do tráfico na rúa Clara Campoamor súmase a outras actuacións en toda a cidade, financiadas con fondos europeos. EDUSI englóbase no Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, cofinanciado por Fondos Estruturais da Unión Europea, FEDER, e contou coa participación cidadá para decidir as súas actuacións. En total, a estratexia EDUSI permitiu un investimento total de 12,5 millóns de euros, para que, da man da Unión Europea, Santiago de Compostela se converta nunha cidade máis sustentábel e integradora.

Máis en Publirreportaxe