Eleccións Europeas 9-X

Yolanda Díaz dimite como líder de Sumar

VÍDEO NO INTERIOR. O pobre balance nos comicios do 9 de xuño abriu unha forte crise na coalición de esquerdas.
Comparecencia de Yolanda Díaz desta segunda feira. (Foto: Sumar)
photo_camera Comparecencia de Yolanda Díaz desta segunda feira. (Foto: Sumar)

"Neste caso, e sen dúbida ningunha, isto é a miña responsabilidade". Con estas palabras avanzou esta segunda feira a vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, a súa renuncia como líder de Sumar tras o pau electoral que sufriu a formación nas eleccións europeas deste domingo. Díaz, que optou por facer unha declaración pública en streaming unha vez finalizada a reunión de máis de tres horas da Executiva de Sumar, deixa así o seu posto de coordinadora xeral menos de tres meses despois de asumilo, o pasado 23 de marzo, na primeira asemblea estatal do partido.

O pobre balance nos comicios do 9 de xuño, con 4,65% dos votos e tres escanos, por baixo de PP, PSOE, Vox e Agora Repúblicas e cunha escasa marxe sobre o ultradereitista Se Acabó La Fiesta, abriu unha forte crise na coalición de esquerdas, con voces críticas en Más Madrid como as do dirixente Eduardo Fernández Rubiño, que demandaba asumir responsabilidades na cúpula de Sumar, ou o líder de Izquierda Unida —fóra da Eurocámara por vez primeira na súa historia—, Antonio Maíllo, quen proclamou que "todo proxecto sen organización é efémero".

Na súa intervención, Díaz asegurou que estes comicios serviron de "espello" e que a cidadanía "non se equivoca" cando vota ou cando decide non acudir a votar, o que foi a opción maioritaria este domingo, cunha abstención de máis de 50% do censo. "É sempre a nosa responsabilidade. E neste caso, e sen dúbida ningunha, é a miña responsabilidade. A cidadanía falou e eu voume facer cargo", subliñou.

Agora, dixo, será necesario abrir un debate colectivo no seo da formación e dos seus aliados, un proceso que "abre camiño" coa súa dimisión. "Nestes meses sinto que non fixen as cousas que debía facer, e as cousas que mellor sei facer. A cidadanía, sen dúbida, percibiuno", lamentou.

Fontes da formación trasladaron esta segunda feira que o seguinte paso será convocar, nas próximas semanas, o grupo promotor de Sumar —máximo órgano da formación, conformado por 80 membros—, que, segundo os seus estatutos, será o encargado de propor un novo nome para asumir a coordinación xeral, que deberá ser aprobado por maioría simple.

As mesmas fontes apuntan que Díaz permanecerá no Goberno de coalición co PSOE asumindo a Vicepresidencia segunda e as competencias en materia de Traballo, ademais de continuar como presidenta do grupo parlamentario de Sumar no Congreso español.

Neste senso, avanzou que promoverá desde o Executivo medidas "icónicas" da súa formación como a redución da xornada laboral, baixar o prezo da vivenda, unha reforma fiscal ou estender permisos e que estes sexan retribuídos. Tamén proclamou que debe traballar por "parar o xenocidio en Palestina" e por que o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, renda contas ante a Corte Penal Internacional por crimes de guerra en Gaza. A esta tarefa dedicarase e aí, dixo, os seus compañeiros atoparana "sempre".

"A isto voume a dedicar e para isto pedín a Sumar que me acompañe. Estou convencida de que se somos capaces de cumprir estes obxectivos. As forzas do odio e da desestabilización perderán o rumbo, porque creo cunha enorme firmeza na forza da política, na forza de gobernar, unha forza de goberno e unha forza que dá certezas e boas noticias a quen ten problemas [...] Unha forza que dá esperanza", concluíu.

Comentarios