Consello da xunta

O novo plan antiincendios da Xunta recae nos Concellos

As brigadas municipais terán que vixiar a maleza acumulada nos predios.
O conselleiro de Economía, Innovación e Industria, Francisco Conde, após o Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Economía, Innovación e Industria, Francisco Conde, após o Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta da Galiza anunciou esta quinta feira "o impulso" dun sistema de xestión de biomasa no ámbito das aldeas, cun visor público e coa revisión de faixas secundarias polas brigadas municipais como vía para prever a propagación de grandes incendios forestais.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta quinta feira após o Consello da Xunta o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais –ao que hoxe o Consello deu o visto e prace– que ten como obxecto, dixo, "evitar que se produzan incendios forestais ou, en caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posíbel".

O vicepresidente primeiro da Xunta anunciou esta quinta feira que o novo plan preventivo estará en vigor até marzo de 2024 e que a principal "novidade" é contar cun visor público en liña para que calquera cidadá ou cidadán saiba que parcelas deben estar acondicionadas. O plan da Xunta propón, desta maneira, reducir a biomasa das parcelas lindeiras coas vivendas. 

Para levar a cabo o labor de vixilancia das parcelas, Conde valorou a "implicación" das brigadas forestais municipais na revisión das faixas perto das casas para que a xestión da biomasa "sexa a correcta", xa que até o de agora as brigadas "só se encargaban dos labores de roza e extinción". Ademais, apuntou á "importancia" de que 89% dos concellos galegos estean integrados no sistema de xestión da biomasa do convenio de protección das aldeas entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. 

Francisco Conde destacou que o principal obxectivo deste plan é "anticiparse aos incendios" e que "a súa propagación sexa a menor posíbel". Mais tamén destacou a "necesidade" da "concienciación da poboación sobre o risco que supoñen os incendios forestais e os seus impactos negativos".

O anuncio de Conde chega menos dun mes despois de que un incendio arrasase 1.400 hectáreas nas comarcas de Meira e da Fonsagrada, nunha semana na que arderon case 1.500 hectáreas en diferentes puntos do país. 

Concellos sen brigadas

A execución do plan da Xunta recae nas brigadas antiincendios dos Concellos. Porén, as denuncias pola ausencia de medios municipais repítense ano tras ano. En xullo de 2022, en plena temporada de alto risco de lumes, Concellos como Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón ou Quiroga, non dispoñían, a esa altura do verán, de brigadas municipais contra incendios en funcionamento polos atrasos da Xunta da Galiza á hora de enviar a estes municipio os convenios correspondentes. A temporalidade do emprego destes profesionais dificulta levar a cabo tarefas de prevención como as que propón o novo plan anunciado esta quinta feira por Francisco Conde.

Visita a Panamá

O feito de que fora Conde quen dera conta dos acordos do Consello do Goberno galego, e non o presidente, Alfonso Rueda, débese á viaxe deste por Panamá, Venezuela e México. Cuestionado sobre as posíbeis suspicacias que esta visita poida levantar en vésperas dunhas eleccións municipais, principalmente, mais tamén estatais, Conde insistiu en que o principal obxectivo de Rueda é "reforzar alianzas económicas e institucionais". 

Comentarios