Medio Ambiente

A Xunta posiciónase en contra do plan estatal para a recuperación de zonas húmidas

O Executivo galego tamén rexeita o Plan de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta cuarta feira na A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente (Foto: Xunta).
photo_camera a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta cuarta feira na A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente (Foto: Xunta).

A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, presidida pola vicepresidenta terceira española e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, aprobou esta cuarta feira o Plan Estratéxico de Zonas Húmidas 2030, cunha folla de ruta para alcanzar os obxectivos de conservación e xestión nas zonas húmidas do conxunto do Estado español.

O plan, que contou co voto en contra das autonomías gobernadas polo PP -a Galiza, Andalucía, Castela e León, Murcia e a Comunidade de Madrid-, contempla restaurar parcialmente antes de 2030, e en colaboración coas autoridades competentes, algunhas das zonas húmidas máis grandes e emblemáticas desaparecidas, segundo informou o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Ademais, ampliáronse os prazos para que as autonomías presenten a resolución de adxudicación ou concesión dos fondos de 2021 transferidos no eido ambiental. Desta forma, esta medida, solicitada polos propios Gobernos das autonomías, alonga o prazo de resolución até o 28 de febreiro de 2023 con vistas a mellorar a xestión de residuos municipais.

Entre outras medidas, a Conferencia tamén aprobou a Estratexia de conservación e loita contra as ameazas de plantas protexidas de ambientes alterados pola acción humana e os Criterios mínimos de xestión coordinada da Rede de Áreas Mariñas Protexidas, constituída por espazos mariños representativos do patrimonio natural.

Actualmente, a rede está formada por 81 espazos mariños protexidos: 10 reservas mariñas de interese pesqueiro, 46 zonas de especial protección para as aves e 25 zonas especiais de conservación.

Por último, sometéronse a deliberación dos conselleiros das autonomías os informes preceptivos sobre o Plan Estratéxico do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, así como sobre a Estratexia Forestal e o Plan Forestal do Estado español.

Negativa da Xunta ao Plan de Patrimonio Natural e da Biodiversidade

Por parte da Xunta da Galiza, participou na Conferencia Sectorial a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen votou contra do borrador do Plan de Patrimonio Natural e da Biodiversidade porque inclúe "medidas pouco realistas" que fan "inviábel a súa aplicación práctica".

Ao rematar o encontro telemático, este departamento do Goberno galego emitiu un comunicado no que xustifica o seu 'non' a esta folla de ruta porque, en relación coa protección da natureza, sinala que debe disporse de plans de conservación e recuperación para todas as especies catalogadas como ameazadas, cos seus respectivos recursos económicos.

Con todo, a conselleira de Medio Ambiente alegou que, para poder cumprir este obxectivo, deberíase terse en conta polo menos o número de especies emparentadas “ameazadas en cada territorio, o seu estado de conservación e a dispoñibilidade de recursos tanto humanos como materiais" en cada autonomía.

Neste sentido, Vázquez apuntou que os plans de xestión "non son o único" instrumento para xestionar as especies ameazadas, senón que este labor realízase a través “dun variado conxunto" de ferramentas recollidas en normas a nivel europeo, estatal e autonómico, entre as que citou a lei galega de patrimonio natural aprobada en 2019.

Comentarios