A Xunta escúdase no Estado para non informar dos seus proxectos europeos
"Resulta moi aventurado comezar a falar de proxectos concretos", aseverou esta cuarta feira, 4 de novembro, o director xeral de Orzamentos da Xunta, Miguel Corgos, na comisión parlamentar de reactivación económica, social e cultural da Galiza. Desta maneira tentou zafarse das preguntas que lle realizou o BNG para coñecer o contido dos 108 proxectos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, leva dúas semanas presumindo de ter remitido ao Goberno español para optar á captación de fondos Covid europeos.
"O importante é que a Administración do Estado saiba que a Galiza está a traballar neses proxectos, que son compatíbeis con todo o que a Unión Europea di e coas características que deben reunir para seren financiábeis e lexíbeis", dixo Miguel Corgos en referencia ás iniciativas que Feixoo anunciou o pasado 22 de outubro que remitía ao presidente español, Pedro Sánchez.
Destes proxectos só transcendeu até o de agora pouco máis que os sete eixos tractores nos que se inscriben, mais nada do seu contido. A Xunta apelou a que estas accións serían estudadas e ampliadas na comisión parlamentar de reactivación, mais o certo é que no seu seo a oposición tampouco ten información sobre os proxectos.
Nin esta cuarta feira o responsábel de Orzamentos, nin a xornada anterior o vicepresidente segundo do Goberno galego e conselleiro de Economía, Francisco Conde, quixeron falar dos proxectos na comisión de reactivación, pese á insistencia do Bloque Nacionalista Galego.
"Responda a cantas reunións houbo e con que empresas no marco do Next Generation -comisión da Xunta para elaborar proxectos europeos para a captación de fondos- e por que a Xunta prioriza o rescate do Ibex 35 e non do tecido empresarial galego e as pemes", dixo a deputada do BNG Noa Presas na comisión de reactivación. "Diga", proseguiu interpelando a Corgos, "se hai algún proxecto para algunha comarca en concreto... É unha irresponsabilidade que a Xunta teña este escurantismo e unilateralidade", concluíu a nacionalista.
Corgos, na quenda de respostas, veu dar a razón a Presas en canto que os proxectos non van alén do titular, asegurando que "resulta moi aventurado comezar a falar de proxectos concretos e penso", dixo, "que o intre de falar deles é cando se fechen os interrogantes", comentou en referencia aos criterios que o Estado coloque para a selección de proxectos que presenten as comunidades autónomas e que logo eleve a Bruxelas para optar a fondos Covid-19.
Plan de reactivación
Sobre as contas da Xunta, Corgos asegurou que co incremento de 14,9% do teito de gasto en 2021 -11.664 millóns-, o Executivo galego lanza a mensaxe de que "non reparará en gastos" para combater a pandemia. Aliás, sinalou que cos orzamentos á alza para o ano que vén a Galiza "inicia o proceso de reactivación e modernización sen precedentes" para "saír da crise o máis rápido posíbel".
Corgos fixo un percorrido polas diferentes medidas anunciadas polo Executivo galego desde o inicio do impacto do coronavirus, como o plan de reactivación con 3.000 millóns entre capital público e privado.
Porén, a nacionalista criticou que ese plan ficase unicamente "nun titular de Feixoo do día 5 de xuño" e que non se levase a cabo. Presas recoñeceu a Nós Diario que espera que á comisión parlamentar acabe por chegar o plan financeiro desa medida, mais lamenta que a Xunta siga a promocionar un plan de 3 .000 millóns "que non existe".
Axudas
Presas tamén demandou un esforzo "inmediato" para apoiar autónomos, cualificando de "tomadura de pelo" que a Xunta fale de que as axudas non van estar até dentro de "10 ou 15 días". Corgos replicou que "xa se podían estar a aplicar", pero "quíxose dar unha volta para someter a diálogo social".
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo emprazou a que a comisión de reactivación "non sexa un mero trámite" e considerou que as contas de 2021 "non poden ser parecidas aos orzamentos que se trouxeron a esta Cámara durante os anos precedentes".
A socialista apelou a "atender o inmediato" sen que "se incrementen aínda máis desigualdades" con medidas para que "ninguén quede atrás". Ademais, lamentou que Corgos non concretase "que resultados está a dar" o plan de reactivación da Xunta.