Rueda abre a porta a estabelecer unha taxa turística, sempre e cando sexa "voluntaria" para os concellos

Alfonso Rueda e Xosé Sánchez Bugallo mantiveron unha xuntanza na que trataron a cuestión turística na capital do país.
Xosé Sánchez Bugallo e Alfonso Rueda, antes da súa reunión. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xosé Sánchez Bugallo e Alfonso Rueda, antes da súa reunión. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, abriu a porta á taxa turística que demanda Santiago de Compostela -único concello en propoñela-, sempre que sexa voluntaria para aqueles concellos que así o desexen e coa "habilitación legal" do Parlamento galego.

Tras reunirse esta sexta feira en San Caetano co alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, Rueda pediu ao rexedor compostelán que "peche a proposta" e detalle en "que consistiría, que importe tería e a quen afectaría" e, "se é unha proposta razoábel", avanzou que o Executivo galego "non di que non a considerala".

Pola súa parte, Bugallo asegurou que espera poder levar á próxima reunión do Consello da Capitalidade unha proposta "o máis pechada posíbel". Estimou que tardarán en articulala "dúas ou tres meses".

O alcalde subliñou tamén que coincide "plenamente" con Rueda en que a taxa turística "ten que ser voluntaria". "Os que consideren que a deben aplicar, aplicarana, e os que non, non; e, ao mesmo tempo, que se estabelezan uns límites para que os que decidamos aplicala o fagamos nesas marxes", argumentou.

Postura do Consistorio compostelán

O pasado mes de setembro, o rexedor anunciou que trasladaría a Rueda o estabelecemento desta taxa turística na capital galega. Unha medida na que coinciden todas as formacións presentes no Consistorio compostelán, mais con diferentes puntos de vista.

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, asegurou que os nacionalistas sempre defenderon a taxa turística, mais que non debe ser a solución final, xa que “o que terá que facer o Goberno de Santiago é darlle unha volta a todo o modelo turístico”. Sanmartín tamén propuxo que se estabelezan dúas taxas, unha para as visitas e outra para as pernoctacións.

Pola súa parte, o candidato do PP á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, sinalou que está “a favor dunha taxa turística seria”, pero que, na súa opinión, o rexedor compostelán debería levar a cabo unha rebaixa de impostos.

Finalmente, a portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, criticou que Bugallo “chega tarde nesta cuestión”, despois da situación vivida nos meses de xullo e agosto en Santiago, e reivindicou que foi a súa formación quen puxo este tema na axenda política da cidade.

Comentarios