Xosé L. Penas, deputado da Deputación da Coruña: "As cláusulas de xénero deben ser unha prioridade nos pregos de contratación pública"
—Que dificultades atopan as entidades locais en materia de contratación pública? Son maiores en concellos pequenos?
Os circuítos excesivos e complexos engrenaxes nos mecanismos de contratación fan, moitas veces, que o reducido persoal dos concellos pequenos non poida afrontar unha contratación máis eficaz. Isto, de por si, deturpa o seu sentido auténtico, como servizo directo á cidadanía e á economía máis próxima.
A Lei de contratos do sector público (LCSP) de 2017 contemplaba melloras na xestión da contratación, mais non na dotación de medios persoais ás entidades locais menores, polo que ante a falta de planificación, por incapacidade ou imposibilidade, acábase recorrendo en exceso a contratos menores ou simplificados sen publicidade, o cal fai que se limite a concorrencia dos procedementos abertos. Así, pois, desde as administracións maiores temos a obriga de contemplar esta problemática e ofrecer toda a colaboración posíbel, polo menos á espera de que se vaian introducindo melloras ou poidamos permitir incrementos en areas especializadas que até hoxe case sempre contan con poucos recursos humanos.
—En que medida ten contribuído a contratación pública electrónica a mellorar en axilidade e eficacia, dous dos retos sinalados.
Sen dúbida a contratación pública electrónica facilitou moito os procesos; sobre todo en simplificación, transparencia, accesibilidade, incremento da concorrencia e universalidade, mais tamén é certo que aqueles que participamos nos procesos de contratación de forma regular temos que padecer a lentitude das plataformas de contratación electrónicas do sector público. Queda moito que traballar nunha estratexia común que permita mellorar o sistema. En 2024 haberá que ir máis aló e aproveitar tecnoloxías como blockchain, intelixencia artificial ou a análise de datos preditivos, para que a contratación electrónica sexa unha ferramenta de axuda e non só de xestión. Cando falamos de camiñar cara a unha contratación máis áxil case sempre falamos de circuítos, burocracias e mesmo mentalidades que non fan parte da electrónica senón do cotiá.
—A contratación pública tamén aspira a ser responsábel e sostíbel. Que criterios sociais e ambientais se están a aplicar xa?
A lei indica que en todo proceso de contratación, sempre que teña relación co obxecto do contrato, temos que incorporar aspectos de mellora sociais e medioambientais. Desde a Deputación da Coruña entendemos que é no inicio da contratación, nos pregos, onde se debe comezar a traballar. E iso foi o máis complicado, a redacción dos novos pregos, xa que moitos dos implicados non compartían determinados criterios sociais, como os relacionados coa igualdade e o fomento do emprego.
Algunhas destas melloras foron contempladas por modificacións lexislativas posteriores, mais queda moito por facer para integrar todos estes aspectos, que algúns entenden que limitan a concorrencia mentres outros defendemos que contribúen á mellora na calidade por riba doutras medidas máis economicistas.
—Cómpre maior implicación das administracións para asentar a perspectiva de xénero na xestión de compras e contratos?
A LCSP supuxo sen dúbida un cambio de paradigma no referente ás políticas de xénero na contratación, mais chegou a todas as persoas. A lei estabelece como prioritarias e de plena aplicación e legalidade as cláusulas de xénero. O problema está en que estas medidas implican unha vontade e sensibilización que non todas as administracións teñen. A chave está na transversalidade e en ter en conta que a maior eficiencia dos recursos públicos implícanos a todos e todas nun uso máis xusto e racional dos mesmos.
Na medida do posible hai que incorporar cláusulas nos pregos de contratación referidas ás condicións laborais, o acceso a postos de responsabilidade, a igualdade salarial, as melloras en conciliación, ademais de favorecer a sensibilización de todo o circuíto. Pero hai que ir mais aló de cumprir o que di estritamente a lei, fomentar a implicación xeral entre a economía pública e privada e, sobre todo, pasar das palabras aos feitos dunha forma moito máis obxectiva.
—Teñen as entidades da economía social e solidaria acceso suficiente á contratación pública?
Non, sen dúbida. Temos unha ferramenta legal e regulada que nos permite operar co noso tecido de empresas de inserción e centros especiais de emprego. Os contratos reservados deberían ser ese obxectivo, até agora insuficiente dende o punto de vista das administracións en xeral , para impregnar a contratación dun sentido máis práctico e real en canto á inserción das persoas con necesidades especiais e sociais no tecido empresarial.
Sabemos da proximidade física e social das empresas que participan neste tipo de licitación, con vínculos evidentes coa comunidade local. A obriga de incorporar persoal de colectivos concretos fai que a relación mesmo con outros servizos do Concello sexa máis determinante, por tanto, o beneficio, ou parte del, tamén recaerá na propia sociedade. Temos a posibilidade real de facer política e economía sociais cun custo moi baixo para as administracións e cun beneficio social maior. Temos a posibilidade de usar a lei de contratos como ferramenta de traballo social, económica e mesmo política, que non aproveitamos de todo. Desde esta área imos traballar para que nas vindeiras melloras dos pregos de contratación se afiance o apoio ás entidades deste tipo, sempre dentro da legalidade que nos permite a LCSP.
Flexibilidade e transparencia
"Malia que algunhas noticias recentes poidan facer pensar que non hai mecanismos de control suficientes, o certo é que existen e son múltiples", afirma Xosé L. Penas. "Eses mecanismos de control non se poden converter en ferramentas burocráticas que sirvan para outro fin que non sexa o control áxil e eficaz do que é de todas", engade.
Neste sentido, o deputado defende que todos os procesos da contratación pública deben estar "impregnados dun sentido de servizo público, sobre o que gravita toda a lei de contratos, onde pasamos de priorizar exclusivamente o "aforro" das administracións a traballar sobre a calidade e a eficacia, sempre de cara a toda as persoas que soportan as administracións a través dos seus impostos".
A transparencia, di, debe ser global, de principio a fin do proceso de contratación, "tamén a respecto das persoas que intervimos técnicas e políticas.