18-F

O xornal inglés 'The Guardian' faise eco do "medo" do PP a unha derrota

Nunha reportaxe, destaca "o temor do partido conservador español", en referencia ao PP, por apañar unha derrota "na terra do seu líder", onde gobernou "durante a meirande parte do tempo ao longo das últimas catro décadas".
'The Guardian' ilustrou o artigo cunha imaxe da líder e candata do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós DIario).
photo_camera 'The Guardian' ilustrou o artigo cunha imaxe da líder e candata do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós DIario).

As eleccións galegas do 18 de febreiro transcenderon as barreiras do país, mesmo as do Estado español e as da propia Unión Europea, para chegar até terras británicas.

Alí, o xornal inglés 'The Guardian' publicou hoxe unha reportaxe que titula "O medo do partido conservador español a unha derrota no seu corazón galego".

No mesmo, o xornalista Stephen Burgen destaca "o temor do partido conservador español", en referencia ao PP, por apañar unha derrota "na terra do seu líder", onde gobernou "durante a meirande parte do tempo ao longo das últimas catro décadas".

"As enquisas suxiren que podería darse unha coalición entre o partido socialista e o emerxente Bloque Nacionalista Galego", indica 'The Guardian'.

Burgen non pode evitar facerse eco do lado máis folclórico destas eleccións, representado polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, quen "gañou atención vestíndose de Superman ou de Power Ranger". 

Ademais, destaca que a Galiza é "unha das rexión máis pobres e conservadoras" do Estado español, así como "o lugar de nacemento de Francisco Franco, así como doutros destacados políticos de dereitas como Manuel Fraga, Rajoi ou Feixoo". 

O artigo conclúe salientando que o BNG, liderado por Ana Pontón, "emerxeu desde a marxinalidade e podería obter até 30 deputados", un creemento que, según el, procede "de votantes do PP e de electores insatisfeitos do Partido Socialista, que ven no BNG unha forma de acabar coa prolongada hexemonía do Partido Popular". 

Comentarios