XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova: “É  momento dunha nova xeración para impulsar o nacionalismo xuvenil”

A cita será o vindeiro 26 de novembro en Compostela e baixo o lema 'A mocidade construíndo Galiza'. Elixirase novo secretario xeral.

Presentación XIV Asemblea Galiza Nova
photo_camera Presentación XIV Asemblea Galiza Nova

O 26 de novembro Galiza Nova realizará a súa XIV Asemblea Nacional, unha cita que decorrerá en Compostela baixo o lema 'A mocidade construíndo Galiza'. O proceso pre-asemblear realizado durante estes meses é, para Galiza Nova, “positivo”, destacando as asembleas abertas  nas que tomaron parte “máis de 800 persoas”.

Na Asemblea Nacional procederase as un debate aberto no que toda a militancia e simpatizantes poderán participar na análise do informe político e  traballo realizado, e no debate da tese política e de organización pola vía das emendas que a militancia está a presentar nos debates comarcais. Finalmente,  será elixida  a nova Dirección Nacional, Comisión Permanente e Secretaría Xeral. “Entre todas e todos decidimos. Unha militante, un voto. Así funcionamos no BNG e en Galiza Nova, onde toda a militancia ten a palabra e o voto para decidir sobre o futuro da organización e as persoas que formarán parte da Dirección Nacional”, afirmou o Secretario Xeral, Alberte Mera.

Mera manifestou que “é momento dunha nova xeración de mozas e mozos para impulsar o nacionalismo xuvenil, e que contarán con todo o apoio daquelas e aqueles que por idade nos toca continuar no activismo noutros sectores diferentes ao xuvenil”. Así mesmo, tamén afirmou  sentirse  “inmensamente orgulloso da militancia de Galiza Nova e de todas as mozas e mozos desta organización que con entusiasmo e rebeldía relanzaron o nacionalismo xuvenil”.

Os textos a debate que presentou esta cuarta feira a Comisión Permanente inciden na “axilidade organizativa, reducindo as estruturas intermedias e reforzando por completo o asemblearismo da formación. Esbozan as liñas de traballo en todos os campos nos que teñen presenza: polo ensino público galego, polo feminismo e as liberdades sexuais, o emprego digno e con dereitos...” Entre os obxectivos políticos que GN se marca para os vindeiros dous anos está o impulso de novas campañas “para multiplicar os apoios ao nacionalismo entre a mocidade.

Comentarios