Xácome admite que preguntou se Cabezas sería candidato a presidir a Deputación antes de "dar o ok" ao pacto co PP

Garante que cumprirá o acordo asinado cos populares: "Nós nunca traizoamos a ninguén; nin ao PP, nin a Baltar"

Gonzalo Pérez Xácome fíxose de novo co bastón de mando en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Pérez Xácome fíxose de novo co bastón de mando (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

A constitución da Deputación de Ourense continúa no aire á espera da resolución do recurso presentado por Celanova Decide no Concello de Celanova e sen darse a coñecer quen ocupará o posto de presidente que deixou Manuel Baltar após 11 anos de mandato.

O rexedor municipal de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, recoñecía na recta final do seu anterior mandato que lle chegaba por "radio macuto" a información de que "a intención" de Manuel Cabezas, o candidato á alcaldía polo Partido Popular, era recoller a acta de concelleiro para "poder aspirar a ser deputado provincial" e "elixido presidente" da Deputación.

Esta terza feira, xa co bastón de mando para outros catro anos, após un pacto asinado o propio sábado de investidura para que tanto no concello ourensán como na Deputación gobernase a lista máis votada (Democracia Ourensana e PP, respectivamente), admitiu que, antes de "dar o ok" ao PP preguntou se Cabezas sería o candidato á presidencia da institución provincial.

"Nós sempre respectamos os pactos, somos os únicos que os respectamos", subliñou, preguntado sobre se se mantería ese acordo, asinado polo propio alcalde e polo rexedor de Xunqueira de Ambía (comarca de Allariz-Maceda) con autorización de Paula Prado, no caso de que Manuel Cabezas sexa o candidato.

"Nós nunca traizoamos a ninguén"

"Nós nunca traizoamos a ninguén; nin ao PP, nin a Baltar", engadiu Xácome para valorar que "na partida de póker" entre "catro xogadores" ficou "claro" que os que "manteñen sempre a súa palabra son Democracia Ourensana" e quedou "alucinada unha parte" do PSdeG.

Así, defendeu que a súa formación cumpre "os pactos", pero recoñecendo que antes de chegar ao acordo preguntaron por Manuel Cabezas. "Deslizamos esa pregunta, 'Oe, Cabezas non será o candidato?' antes de dar o ok e o que nos dixeron foi que non estaban precisamente pensando nel", expuxo.

Xácome non escatimou en críticas a Cabezas, quen na xornada de investidura desvinculouse dun pacto que liga coa dirección galega do partido. De feito, aínda que asumiu a acta e, do mesmo xeito que o resto do grupo, cumpriu a disciplina popular votándose a si mesmo, avanzou a súa intención de deixar o Consistorio ourensán, un paso que ata o momento non formalizou.

Comentarios